A xuíza do 'Caso Formigón' cita como investigado ao concelleiro Santos Héctor e mantén a Isaura Abelairas e Ángel Rivas

Arquiva a causa sobre Figueroa e outras sete persoas, e parcialmente sobre Rivas, ao que incoa un procedemento separado

| 29/07/2016 | Actualizada ás 21:39 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A maxistrada do Xulgado de Instrución número un de Vigo acordou manter en calidade de investigados na causa coñecida como 'caso Formigón' aos concelleiros do Concello de Vigo Ángel Rivas e Isaura Abelairas, así como ampliar a investigación tamén sobre o edil Santos Héctor Rodríguez, ao que citou o próximo 23 de novembro.

Así mesmo, citou en calidade de investigados ao xefe de área de Participación Ciudadana, Francisco G.O., ao enxeñeiro Jorge M.R., aos técnicos municipais Juan A.R. e Juan G.H., e ao actual xefe dos servizos centrais da Xerencia de Urbanismo, Juan G.R. Ademais, requiriu declaración ampliatoria en calidade de investigado por parte do xefe de servizo da concellaría de Fomento, Álvaro C.C.

Por outro lado, a xuíza decretou o sobresemento provisional e parcial da causa respecto ao concelleiro do PP José Manuel Figueroa; os exedís Eudosio Álvarez e Xabier Alonso; os funcionarios María G.J. e José Ángel O.L.; o exxerente de Urbanismo, Xavier Rivas; e dous responsables da empresa Movexvial, ao non ver suficientemente acreditada a súa participación nos feitos.

Respecto á concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, que fose concelleira de Vías e Obras entre 2007 e 2011, mantén a condición de investigada por "aparecer como a persoa que autoriza o gasto respecto de determinadas obras que se levan a cabo por un contratista sen suxeición a procedemento administrativo ningún".

Así mesmo, sobre Ángel Rivas, investigado polos presuntos delitos de negociacións ou actividades prohibidas a funcionarios públicos e por un delito de prevaricación administrativa, acorda o sobresemento respecto aos feitos constitutivos dun delito de prevaricación "consistentes na autorización de gasto para execución de obra pública sen suxeición a procedemento administrativo".

Non obstante, desestima a petición respecto á súa participación en xuntas de goberno nas que se aprobou a adxudicación de obra pública a favor de empresas ás que subministraba formigón a entidade da que el era xerente, Formigóns Val Miñor, e acorda incoar fronte a el un novo procedemento, separado, por estes feitos xa que "non gardan relación de conexidad cos demais feitos que se investigan nesta causa, ademais de que non hai coincidencia de investigados".

OUTRAS DILIXENCIAS

Igualmente, a xuíza acorda librar oficio ao concello co fin de que se informe sobre a identidade do concelleiro de urbanismo e o concelleiro do servizo de electromecánicos -- ou no seu caso do que na actualidade é Fomento-- no ano 2007; así como para que remita copia dos pregos de condicións de varios expedientes.

Ademais, remite á Fiscalía do Tribunal de Contas entre outras cuestións a declaración como investigado do exedil Eudosio Álvarez e da funcionaria María G. J. por se derivase "algún tipo de responsabilidade contable por non seguir o procedemento legalmente establecido".

INVESTIGACIÓN

O chamado 'caso Formigón' saltou á luz pública en setembro de 2014, cando se coñeceu a imputación do concelleiro de Parques e Xardíns, Ángel Rivas, por supostas irregularidades na contratación de formigón á empresa da que fora xerente, e que provía a varias contratas de obras de humanización en Vigo.

A pesar de que o grande número de expedientes de recoñecementos extraxudiciais de crédito --unha figura prevista na lei-- chamou a atención ao Ministerio Público, a investigación non só se centra nesa cuestión.

Así, a Fiscalía entende que as supostas irregularidades non estarían na tramitación deses expedientes senón na autorización anterior de gastos e adxudicacións de obras "orfas de todo expediente, sen causa de xustificación ningunha e, en moitas ocasións, con vulneración de normas esenciais de procedementos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta