A xustiza pola man

Miguelanxo Prado volve ás librarías con "Presas fáciles", un comedido relato policial que aborda o drama dos afectados pola estafa das preferentes ao tempo que convida a reflexionar sobre os riscos que agroman cando os cidadáns perden a confianza nas institucións.

Por Elipses e sombras - Eduardo Maroño | A Coruña | 01/08/2016

Comparte esta noticia

552139_396151673825712_999837618_n

Título: Presas fáciles; Autora: Miguelanxo Prado; Editorial: El Patito; Ano: 2016

O novo traballo de Miguelanxo Prado chega catro anos despois do premiado Ardalén. O tempo transcorrido non é moito se consideramos a cadencia de publicación de Prado na súa etapa máis recente. Máis ben o contrario, Presas fáciles ve a luz cunha certa sensación de urxencia que sen dúbida se debe ao desexo de dar testemuño dun dos maiores escándalos da nosa axitada vida recente, a estafa das preferentes, unha fraude masiva que esnaquizou o escaso prestixio social que lle quedaba a bancos e caixas ao tempo que confirmou algo que sospeitabamos, que os cidadáns estamos indefensos fronte o poder económico. Presas fáciles sitúase no ronsel doutras ficcións galegas recentes, coma a película El desconocido de Dani de la Torre ou a novela Matarte lentamente de Diego Ameixeiras, obras que recollen a forza simbólica do acontecido e convidan ao espectador/lector a preguntarse que grao de inxustiza se lle pode pedir aos cidadáns que aturen e a partir de que momento a inutilidade do poder institucional lexitima o recurso á xustiza pola man.

Miguelanxo Prado achégase a aqueles feitos construíndo unha intriga criminal na que a fraude financeira aparece axiña como causa das sucesivas mortes de varios empregados de banca. Malia optar por unha trama policial, o autor prefire afastarse dos tópicos do xénero negro e crear un relato de vocación realista, mesmo de perfil baixo, sen violencia nin golpes de efecto, centrado no diálogo entre os personaxes e nos pormenores dunha investigación pouco glamourosa. O coruñés acompaña o relato cun desenvolvemento gráfico moito máis austero do que nos ten afeitos, renunciando ás cores e substituíndoas por un gris aséptico. Non sendo un debuxante proclive ao efectismo gráfico, o lector habitual de Prado está afeito a atopar nas súas obras momentos de xenuíno goce estético. Non é o caso de Presas fáciles, que semella concibido baixo a premisa de manter ao lector no plano da literalidade, o cal non lle impide deixar mostras do seu inmenso talento coma debuxante. As páxinas deste novo traballo confirman ata que punto Prado foi refinando a súa capacidade para representar a figura humana e especialmente o rostro dos personaxes. Non hai dous corpos iguais, cada faciana ten o seu carácter, cada expresión está minuciosamente matizada. Poucos autores poden gabarse de igualar a súa capacidade de caracterización.

Resulta curioso constatar ata que punto Presas fáciles e Ardalén, a obra que a precedeu, semellan ser o froito de impulsos totalmente opostos. Concibido como unha reflexión sobre a memoria, Ardalén aspiraba á atemporalidade dos grandes clásicos. Prado erguía un aparatoso artificio gráfico, repleto de imaxes explicitamente poéticas nas que a exuberancia dos espazos naturais enmarcaba un discurso emocional, mesmo onírico. A súa extensión e o seu ritmo pausado acentúan aínda máis os contrastes con Presas fáciles, que é moito máis directa e concisa. A Prado interésalle falar do agora e consecuentemente o aparello gráfico é tamén máis sinxelo, prescinde da cor e opta por unha narrativa funcional que elimina todo o que puidera distraer ao lector da trama. A ambientación é urbana e o discurso sostense na racionalidade propia do relato policial. A ausencia de solemnidade deixa espazo para o humor, un humor sutil e incisivo moi propio do autor pero que en Ardalén estaba totalmente ausente.

Aínda que as ambicións de Presas fáciles son máis modestas que as de Ardalén, sería trabucado crer que estamos perante un título menor. Non é a primeira vez que Prado pretende transmitir unha mensaxe nitidamente social (lembremos Stratos), tampouco estamos ante o seu primeiro achegamento ao relato criminal (velaí o paródico Manuel Montano, el manantial de la noche). O que individualiza este título na extensa produción do seu autor é a súa decidida aposta por deixar testemuño do tempo presente. Prado afástase do espazo próximo ao realismo máxico que caracteriza parte significativa da súa obra para descender ao territorio do concreto. Presas fáciles contén unha protesta fronte a inxustiza e tamén unha advertencia sobre os perigos que trae consigo a falta de confianza dos cidadáns nas institucións.


Eduardo Maroño

Coruñés, do Barrio de Monte Alto, vai para dez anos que escribe sobre cómics en lugares diversos: no seu blog Un ollo de vidro, na páxina culturagalega.org, onde asina a columna Paisaxes de papel, no xornal Praza Pública, e tamén en Galicia Confidencial. Este será un espazo para falar de banda deseñada, as súas obras e os seus autores, de Galicia e do resto do universo.

Le máis artigos de Eduardo Maroño aquí.

 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA