Temas: SAúDE ALZHEIMER

Galicia disporá de dez novas unidades para enfermos de Alzheimer este ano

A Xunta anuncia novos centros para tratar os enfermos. A presidenta de Afaco remarca as necesidades "múltiples" de coidadores e familiares, e pide que se adopten medidas para que non sexa "tan custoso".

Por E.P. | A CORUÑA | 05/08/2016 | Actualizada ás 11:29

Comparte esta noticia

Galicia disporá de dez novas unidades para enfermos de Alzheimer este ano, segundo explicou o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, na súa visita ao centro de día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (Afaco) na cidade herculina.

Home con alzheimer
Home con alzheimer | Fonte: Pixabay.

Na súa visita, xunto á presidenta de Afaco, Carmen Martínez, o conselleiro destacou os tres "centros de referencia" cos que conta esta asociación e que atenden a unhas 140 persoas da Coruña e a súa área metropolitana.

Sobre a atención a esta enfermidade, o conselleiro remarcou a necesidade de implementar "cada vez máis novos mecanismos" polo aumento de casos de Alzheimer, unha situación que vinculou co incremento da esperanza de vida. Para iso, avogou pola colaboración coas entidades que traballan neste ámbito.

CUSTO DA ATENCIÓN

Mentres, a presidenta de Afaco instou os familiares destes enfermos a que "se informen e busquen axuda". "O coidador acaba tendo episodios de illamento, de enfermidade,...", sinalou sobre a situación das persoas que atenden ás persoas con esta enfermidade.

Para iso, incidiu en que as necesidades para coidadores e enfermos son "múltiples" e pediu que se adopten medidas para que non sexa "tan custoso". "Atender a un enfermo de Alzheimer costa ao ano 30.000 euros", remarcou.

Temas: SAúDE ALZHEIMER
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta