De quen son as bases helitransportadas de Galicia?

A CIG denuncia o desmantelamento do servizo público contra incendios forestais e o uso privado destas bases.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/08/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Xunta no artigo 3.19 do V Convenio (condicións especiais de traballo do persoal do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia) comprométese ao mantemento das brigadas helitransportadas existentes e a posibilidade de novas creacións.

Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer
Brigada sube a helicóptero antilumes da Xunta nunha imaxe de Inaer

Sen embargo, nos últimos anos a tendencia é facer a contratación mediante empresa privada, relegando ao mínimo as bases da Xunta. Precisamente, este ano, as brigadas helitransportadas que aumentaron en relación ao ano pasado tamén serán da empresa privada. "E nelas non hai ningunha garantía da profesionalidade do persoal,contratado nunhas condicións de absoluta precariedade laboral, incluída a seguridade", denuncia a CIG nun comunicado.

"Xa desde o inicio do seu mandato Feijoo decidiu prescindir da prevención porque ten un custo elevado e non é un bo negocio para os seus amigos das empresas privadas.Van fiando a loita contra os incendios forestais á climatoloxía, sen facer prevención, desmantelando paso a paso o SPDCIF e regalándolle os contratos suculentos ás empresas amigas", engade.

Así, lembra que, durante anos, o persoal das brigadas helitransportadas era persoal da Xunta, "con experiencia e preparación para combater os incendios forestais na primeira liña de lume". Pero, agora, insiste, estase privatizando e poñendo a disposición destas empresas as bases que construíu e mantén cos orzamentos galegos.

Ademais, critica que as brigadas da Xunta teñen unhas bases que en moitos casos non cumpren a normativa de seguridade e saúde laboral as empresas privadas fan negocio redondo utilizando as bases das desaparecidas brigadas helitransportadas da Xunta. "Mentres as brigadas da empresa pública SEAGA de Guntín, A Fonsagrada e outras teñen que utilizar como base unha caseta de obra, na que en ocasións a temperatura chega aos 50º, os donos das empresas amigas non teñen que gastar nada na construción,aluguer ou mantemento das súas bases. Xa llo pagamos entre todos", engade.

Por iso, denuncia que ao goberno de Feijoo "non lle importa nada que arda o monte, que non ten ningunha política definida sobre a explotación, racionalización e mantemento dos nosos montes e que non é capaz de organizar cun mínimo de coherencia o Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Xosé Manuel

Casetas de obras? A brigada de as pontes ten a sua base nun atigo matadoiro... prevención? Que e eso???

1 Gamela

aínda lembro aqueles 15 días de lume cando gobernaba o bipartito e Galicia ardeu de norte a sul sen piedade... a CIG fai ben en denunciar estas perigosas privatizacións (políticas neoliberais que alimenta empresas amigas!) pero as ALTERNATIVAS están moi lonxe de ser realidade... ¿Onde quedaron as conclusións da investigación sobre aqueles 15 días de incendios ARDE GALIZA? Mesmo as webs que denunciaron dia a día aqueles lumes criminais foron eliminadas da Rede... Curioso!