A alternativa plural

Núñez Feijóo é campión de dúas modalidades políticas: facerlle oposición á oposición e botarlle a culpa aos demáis (antes era aos sanitarios da situación da sanidade, agora é aos concellos da situación dos socorristas nas praias e do mal estado dos Camiños de Santiago). O presidente repenica unha e outra vez a súa ladaíña: compre votarmos a estabilidade do PP, afastándonos deste xeito dos previsíbeis desastres dun tripartito ou cuadripartito, seica dirixido polas “Mareas de Podemos”. Se os mareantes buscan a alianza con Podemos mal porque manda o do chicho. Se afortalan (coma arestora) a autonomía do seu proxecto e do seu discurso mal tamén porque “nin se entenden entre eles”.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 07/08/2016

Comparte esta noticia

O PP na Galicia (o PP en xeral) pregoa unha e outra vez un relato no que a colaboración, a coalición entre as distintas forzas é manifestación de febleza. De feito un dos graves problemas que ten Rajoy para formar goberno é precisamente esta estrutura mental: dialogar e transixir é malo, impoñer dende o discurso único é o que mola. Velaí que as forzas todas da oposición ao PP (nas que evidentemente non entra Ciudadanos, definitivamente operante no ámbito da dereita dura e neocentralista) haberían amosar en público a súa vontade real de remuda no Goberno, a súa vontade de alternativa.  Dun xeito definitivo, que lle faga ver a cadanseu electorado que  o seu voto  vai ser ferramenta de cambio.

Cál ha ser o mínimo común denominador do PSOE de Leiceaga, das Mareas de Villares, do BNG de Ana Pontón ou de Compromiso por Galicia de Xoán Bascuas? Un pacto por Galicia, baixo os eixos da rexeneración democrática, do crecemento e reindustrialización, da ampliación substancial do autogoberno autonómico e local e da ordenación do territorio e medio rural  en clave de aproveitamento produtivo, sostibilidade ecolóxica e implementación dun novo Mapa local, que desmonte as provincias e potencie o consorcio de funcións entre os concellos.

Teñan claro as forzas do cambio, quer soberanistas , quer federalistas ou autonomistas, que os eleitores están pola seguranza de que todos os seus votos van contar na alternativa ao PP.Porque o mapa electoral de Galicia esta dividido case en dúas metades e a mobilización do electorado galeguista e progresista pasa por se representar a utilidade do seu voto para substituir ao actual goberno do PP. Nin máis nin menos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.