Denuncian que a Xunta obriga a unha muller a “esperar dous anos” por unha operación

A Asociación El Defensor del Paciente fai pública a situación dunha veciña de Gondomar que se atopa en lista de espera para someterse a unha operación de columna.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2016 | Actualizada ás 12:40

Comparte esta noticia

A Asociación El Defensor del Paciente vén de denunciar o caso dunha veciña de Gondomar (Pontevedra) que se atopa en lista de espera para someterse a unha operación de columna e á que a Xunta obriga a "esperar dous anos" ou "elixir un centro concertado".

Quirófano dun hospital galego
Quirófano dun hospital galego | Fonte: lainformacion.com

A paciente sofre un problema de columna vertebral e a intervención que solicita sería a terceira. Ademais, o seu estado empeorou, con perda de "mobilidade de brazos e pernas", polo que anunciou que esta semana presentará unha denuncia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Esta veciña atópase en lista de espera dende maio de 2015. Tras reclamar no mes de outubro do pasado ano que a súa operación se realizase "canto antes", o Sergas respondeu que debido á "presión asistencial no servizo de Traumatoloxía", a única opción era que accedese a ser operada nun "centro concertado".

Ante iso, a paciente presentou unha queixa ante o Valedor do Pobo en abril deste ano na que expresaba o seu desexo de ser intervida por médicos da Seguridade Social. A valedora, Milagros Otero, respondeu que a normativa recolle que a paciente se atopa entre os "supostos excluídos", polo que ten que aceptar ser intervida no centro privado.

Nun comunicado, El Defensor del Paciente reclama que se a paciente "non é chamada de inmediato" enviará á Fiscalía os escritos pertinentes para que inicien unha investigación sobre "as listas de espera vergonzosas e humillantes para os pacientes que hai en Galicia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Montesío

Exacto, esas listas que parece que só se moven para as amizades. Deben ser públicas día a día. Ao carallo coa Lei de Protección de Datos nas listas de agarda, que parece que está pra que nos sigan mangoneando.