GC Aberto

Kurdistan e Israel: unha alianza estratéxica. Por Amina Hussein e Andreu Barnils

Sen dúbida, a caída do réxime de Iraq e a creación da autonomía curda ao norte do país foi o comezo dunha nova etapa das boas relacións entre Israel e o Kurdistán

Por GalizaIsrael (http://www.galiza-israel.org) | GC ABERTO | 10/08/2016

Comparte esta noticia

“No pasado, a cuestión dun estado curdo independente considerábase causa de guerra. Non había máis que dicir “Kurdistán” para que a xente se puxera nerviosa. Se o Iraq divídese, cousa que semella inevitable, os curdos son os nosos irmáns”. Estas palabras, publicadas no diario Financial Times o 27 de xuño de 2014, pronunciounas Shimon Peres, daquela presidente de Israel. E aínda máis: Benjamín Netanyahu, o actual primeiro ministro israelí, mantén o espírito daquelas declaracións: “Damos todo o noso apoio a un estado independente curdo”, dixo nalgunha ocasión. Pero que hai detrás desta simpatía israelí cara aos curdos?

Relacións económicas e militares

O goberno da Rexión Autónoma norteña do Iraq (KRG) nega que teña relacións económicas con Israel. Sobre a venda de petróleo, din: “Nós vendemos petróleo a mercados internacionais. Tanto nos ten quen o merque. A cousa que nos importa é poder armar as nosas forzas curdas de Peshmerga”. Estas declaracións asemellanse ás que fixo en 1970 o Sha de Persia, nunha entrevista nun medio italiano sobre a venda de petróleo iraniano directamente a Israel. Segundo un informe publicado polo Financial Times o 24 de agosto de 2015, Israel merca no Curdistán Iraquí o 77% do petróleo, que equivale a 19 millóns de barrís.

En canto á venda de armas israelís ao goberno curdo, Israel é considerado o único país da zona cunha produción de armamento e actualmente o pobo curdo é o único que ten unha guerra aberta contra o autodenominado Estado Islámico (ISIS). Os curdos son os que máis diñeiro invisten na compra de armas. Segundo algunhas fontes consultadas, mesmo pode suceder que Israel estea a adestrar peshmergas. E aínda máis: hai moitos voluntarios israelís loitando cos curdos contra ISIS, unha información que foi negada  por Falah Mustafa, o ministro de Asuntos Estranxeiros da KRG.

Relacións históricas entre o pobo xudeu e o pobo curdo

Xudeus e curdos son dous pobos que se consideran minoría no Levante. Aos uns e aos outros negouselle os seus dereitos de autodeterminación durante décadas. Aínda así, mentres os xudeus conseguiron o seu soño e deron forma ao Estado de Israel, os curdos persisten na loita para gozar dun estado independente.

Os vencellos entre israelís e curdos iraquís teñen unha historia moi longa. Cando os curdos rebeláronse contra a arabización do seu territorio por parte do réxime de Baas, Mustafa Barzani, pai do actual presidente, estableceu un primeiro contacto con Israel. Era o ano 1963. Os servizos de inteligencia israelís do Mossad proporcionaron armas, diñeiro e apoio de intelixencia aos curdos. Hai unhas cantas imaxes que confirman a visita de Barzani a Israel e tamén algunhas reunións co ministro de Defensa de entón, Moshe Dayan.

Israel está rodeado de países que non recoñecen a súa existencia. Quere ter vencellos con pobos da zona que non sexan nin árabes nin turcos nin persas. Nos anos 70, cando o pobo curdo de Iraq loitaba contra o réxime de Baas, o primeiro ministro israelí, Menahem Begín, apoiou á loita curda. Desde o punto de vista israelí, os curdos son vítimas das políticas árabes, comparables a opresión que tivo que soportar o pobo de Israel.

Despois da campaña xenocida do réxime de Baas contra os curdos, que lembrou o xenocidio dos xudeus europeos, Israel reclamou con urxencia que se outorgase autonomía aos curdos norteños de Iraq. Esta autonomía reforzouse despois da invasión norteamericana de Iraq no ano 2003. Desde entón, as autoridades do goberno curdo de Iraq mantiveron relacións cordiais cos seus veciños, incluído Israel.

O éxito da KRG considérase un “perigo” para a maioría dos estados da zona, porque ensina ás minorías étnicas e nacionais que poden conseguir aquilo que anceian. Por outra banda, o goberno israelí, prevendo a posibilidade de ter que facer incursións a Irán, mira o territorio curdo coma un aliado contra un inimigo común.

Relacións actuais

As relacións entre curdos e israelís reforzaronse despois da invasión iraquí de Kuwait e as accións contra os curdos do norte de Iraq por parte do réxime de Saddam Husein. As organizacións xudías de todo o mundo comezaron cunha intensa campaña para reclamar axuda e solidariedade en favor dos curdos e pedir nos Estados Unidos que este fixera presión sobre Iraq. Ademais, activouse unha poderosa propaganda que beneficia a relación de EE.UU. co pobo curdo.

Despois da invasión norteamericana contra Saddam Hussein, a prensa turca dicía que Israel apoiaría á división de Iraq e que Massud Barzani encabezaría un estado curdo independente ao norte do país. Por outra banda, e despois do ataque israelí ao convoi turco da flotilla da liberdade ou Mavi Marmara, as relacións entre Turquía e Israel conxeláronse. Ademais, o Partido de Xustiza e Desenvolvemento (AKP) de Turquía mantén relacións moi estreitas con Hamàs, que Israel considera unha organización terrorista. Este empeoramento da alianza entre Turquía e Israel favorece tamén a boa relación israelí coa KRG.

Sen dúbida, a caída do réxime de Iraq e a creación da autonomía curda ao norte do país foi o comezo dunha nova etapa das boas relacións entre Israel e a KRG.

*Artigo publicado o 30 de xullo de 2016 no dixital catalán VILAWEB pola xornalista curda exiliada en Barcelona Amina Hussein e o tamén redactor en Vilaweb, Andreu Barnils 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta