Temas: ILUSTRACIóN

Os ilustradores galegos xa teñen a súa guía de supervivencia

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) lanza un manual de defensa e primeiros auxilios para freelancers que busca previr e concienciar sobre as malas prácticas laborais.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/08/2016 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) acaba de presentar a Guía Ninja do Ilustrador,  un libro que nace como resposta aos problemas aos que os profesionais creativos freelance se enfrontan día a día.

Guía Ninja do Ilustrador
Guía Ninja do Ilustrador

Cales son os meus dereitos como ilustrador? Que é o traballo especulativo? Por que non é recomendable traballar gratis? Canto debo cobrar? Cales son as claves para negociar ben un contrato? Que fago se un cliente non me paga? Que pasa se me plaxian?... Son algunhas das cuestións ás que tenta respostar esta guía que foi presentada esta semana no marco do Festival Viñetas desde o Atlántico.

As viñetas que ilustran esta guía publicáronse de forma periódica desde o pasado mes de abril a través da páxina web www.guianinjadoilustrador.org e das redes sociais daAGPI.

A maioría dos ilustradores e ilustradoras son profesionais freelance.  Por iso, grazas a esta guía, estes profesionais coñecerán os dereitos do ilustrador e do profesional creativo, poderán detectar e facer fronte a prácticas profesionais abusivas como o spec work, terán claves para descifrar contratos, descubrirán os procedementos para reclamar débedas e faltas de pagamento ou saberán que baremos é adecuado aplicar para poñer prezo ao seu traballo, entre moitas outras recomendacións. A importancia de estar informado e de asociarse tamén se pon en valor neste manual. Toda esta información “ninja” está presentada de forma áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance.

As versións en pdf da guía en galego e en español están dispoñibles para a súa descarga gratuíta na páxina web www.guianinjadoilustrador.org. A Guía Ninja impresa (editada en galego) estará á venda a un prezo simbólico de 1 € no stand de AGPI no Festival de cómic Viñetas desde o Atlántico e tamén no Festival de Autoedición Autobán, que terá lugar o próximo sábado 13 de agosto na Nave 1839 da Coruña. Ademais, poderá solicitarse á AGPI a través do correo electrónico info@guianinjadoilustrador.org.

Temas: ILUSTRACIóN
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta