O Celta decepciona na estrea

O equipo celeste perde 0-1 co debutante Leganés, que marcou a balón parado no minuto 75. Iago Aspas errou un man a man no comezo da segunda parte e o árbitro anulou un gol legal por fóra de xogo. O vindeiro sábado, visita ao Bernabéu.

Por gcdeportes | Vigo | 22/08/2016 | Actualizada ás 23:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Celta 0:
Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Sergi Gómez, Roncaglia, Jonny; Marcelo Díaz (Josep Señé, 75'), Daniel Wass (Tucu Hernández, 66') Pione Sisto (Guidetti, 66'), Orellana, Theo Bongonda e Iago Aspas.
CD Leganés 1: Jon Ander Serantes; Víctor Díaz, Bustinza, Mantovani, Rico, Adrián Marín (Machís, 62'); Unai López, Alberto Martín, Timor (Rubén Pérez, 81'), Gabriel e Guerrero (Pablo Insua, 73').
Gol: 0-1: Víctor Díaz (minuto 75).
Árbitro: Munuera Montero (andaluz). Vermella directa a David Timor (minuto 90) cando xa estaba no banco. Amarelas a Roncaglia (15'), Hugo Mallo (67') e Iago Aspas (90') no Celta e a Adrián Marín (60') no CD Leganés.
Incidencias: partido da 1ª xornada da Primeira División disputado no estadio municipal de Balaídos ante 17.000 espectadores.

“Non tivemos unha boa tarde”, resumiu Toto Berizzo. Decepción celeste no arrinque da Liga. Un Celta espeso, sen apenas ocasións, caeu 0-1 ante un debutante en Primeira, un Leganés moi ordenado, que pechou todos os espazos e impediu o xogo dos de Berizzo, e que por momentos gañou en intensidade aos celestes.

O Celta perdeu un encontro que non pensaba, e voaron tres puntos de Balaídos, onde o Celta non caía dende o pasado 10 de xaneiro ante o Atleti. O equipo de Berizzo deixa dúbidas antes de visitar o Bernabéu. Pouco aportaron no seu debut no once as novas fichaxes, Roncaglia e Pione Sisto, ao igual que xa veteranos como Chelo Díaz, Orellana ou Bongonda.

O Celta pareceu comezar coma sempre, con intensidade e a presión arriba, pero foi a menos co paso dos minutos e permitiu que o Leganés medrase, se asentase no céspede e metese medo a Balaídos con ocasións para Guerrero e David Timor. Os celestes reaccionaron con disparos de Iago Aspas e Orellana, e o partido puido cambiar se o asistente de Munuera Montero non anulase por fóra de xogo un gol legal de Iago Aspas tras un pase en profundidade de Chelo Díaz. Pero a mellor ocasión da primeira metade foi para Guerrero, quen xusto antes do descanso errou un man a man ante Sergio Álvarez, que evitaba así o 0-1.

Decepción celeste tralo 0-1 do Leganés en Balaídos.
Decepción celeste tralo 0-1 do Leganés en Balaídos. | Fonte: lfp.com

Nada máis principiar o segundo tempo, foi Iago Aspas quen errou un gol cantado, cando rematou fóra coa zurda nun man a man con Serantes. Foi a última ocasión clara do Celta, que se ofuscou na busca de espazos para atacar a poboada defensa do Leganés. Os vigueses estaban espesos, sen ideas, e Berizzo buscou a reacción coa entrada do Tucu Hernández e John Guidetti, pero nin así.
O Leganés avisou cun par de chegadas, e acabou marcando a balón parado: saque dende o recanto, pasividade defensiva, e Víctor Díaz marcou o 0-1 a falta de quince minutos.

O Celta non tivo argumentos para igualar o partido, empeñado en entrar polo centro, ateigado de xogadores, e acabou enleado nas interrupcións do rival. Xogouse ata o 95, pero tería sido igual xogar media hora máis. O sábado, ao Bernabéu; e despois, o Atleti en Balaídos.

Iago Aspas laiase pola ocasión errada.
Iago Aspas laiase pola ocasión errada. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 OArquiveiro

Onte foi unha desfeita o equipo, mal os defensas, nulo o centro do campo, Orellana sen criterio... Só salvaría a Aspas, que sempre o intenta, e ao Tuco Hernández que cando entrou lle deu o Celta algo de loita no centro do campo.