Unha saída para o Breogán

O club lucense conta cun novo consello de administración formado por Jesús Lázare, Alfonso Ourol e Pablo Rivera, que tentará poñer a cero a débeda para facilitar a entrada no club de Jesus Lence, principal accionista. A Deputación comprométese a aportar 600.000 euros.

Por gcdeportes | Lugo | 23/08/2016 | Actualizada ás 09:11

Comparte esta noticia

Co fin de evitar un baleiro de poder e unha posible disolución, para acadar o equilibrio orzamentario, poñer a débeda a cero e facilitar a próxima entrada de Jesús Lence, propietario do Grupo Leite Río e máximo accionista da entidade. O presidente Antonio Veiga, que se despediu desexando o mellor para o club e pedindo desculpas polos erros, xa é historia no CB Breogán, que ten un novo Consello de administración formado por Jesús Lázare, Alfonso Orol e Pablo Rivera, cunha tarefa concreta.

Orol, Lázare e Rivera xestionarán o futuro do CB Breogán.
Orol, Lázare e Rivera xestionarán o futuro do CB Breogán. | Fonte: @CBBreogan

O CB Breogán celebrou este luns unha xunta de accionistas tensa e decisiva para o seu futuro, pero sen a presenza do seu máximo accionista, o devandito Jesús Lence. Lázare, Alfonso Orol e Rivera asumiron o mando para evitar a disolución da SAD, despois de que a Deputación de Lugo se comprometese a aportar ata 600.000 euros, 200.000 euros en forma de subvención e outros 400.000 como patrocinio para a vindeira campaña. O CB Breogán ten hoxe en día unha débeda superior aos 600.000 euros, entre eles 115.000 adiantados polo ex-presidente Raúl López, agora máximo mandatario do Obradoiro CAB.

Suso Lázare actuou de voceiro das intencións do novo Consello de administración: “É a ilusión de tentar levar o club onde se merece, e isto só vai pasar co equilibrio económico. Como se dixo na Xunta, hai un desfase orzamentario de máis de 600.000 euros, e hai o compromiso dunhas institucións públicas para achegar unhas subvencións, e o que vai quedar para a campaña vai ser pouco. Tócanos traballar para que a tempada saia adiante e pouco a pouco, unha vez conseguido o equilibrio orzamentario e que o club estea sen débedas, que outra masa social de accionistas se poida incorporar ao club, como así se nos transmitiu”.

Esa sería a condición expresada polo empresario Jesús Lence para asumir o mando da SAD: un club sen débedas. “Imos tentar que o club estea a cero canto antes, para que el poida entrar”, asume Lázare, que tería a intención na asamblea de decembro, ou nunha extraordinario ao longo do curso, deixar paso ao máximo accionista. Lázaro, xunto con Alfonso Orol, comezará a traballar este mesmo martes para ter canto antes formado un equipo e poder participar na inminente Copa Galicia.

Pero ten claras baixo que premisas. “O prioritario é pagar aos empregados, aos acredores, aos axentes dos xogadores, e ver a débeda con Raúl López e facerlle fronte. E se para a tempada quedan 300, pois quedan 300, ou 400.000 euros. Tamén temos que traballar e conseguir diñeiro, non vimos aquí para chorar, senón para facelo o mellor posible. Pero se en vez de 900.000 temos un orzamento de 600.000 euros, pois teremos un orzamento de 600.000 euros”.

Alfonso Orol, Jesús Lázare e Pablo Rivera forman o novo consello de administración do Breogán.
Alfonso Orol, Jesús Lázare e Pablo Rivera forman o novo consello de administración do Breogán. | Fonte: @CBBreogan

Jesús Lázare, malia que tamén preside o Estudiantes de Lugo, tentará compaxinar os dous cargos durante varios meses ou a campaña enteira, ata equilibrar a situación do Breogán, ceder o seu posto e volver a centrarse no Estudiantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta