A Capelada, luxo na Vuelta

O francés Lilian Calmejane, o máis forte nunha escapada de 21 corredores, gaña no final inédito do miradoiro de Vixía de Herbeira, onde o colombiano Darwin Atapuma conseguiu a camisola vermella. Os favoritos chegaron xuntos a 2,05 do vencedor. Este mércores, quinta tirada entre Viveiro e Lugo.

Por gcdeportes | San Andrés de Teixido | 23/08/2016 | Actualizada ás 22:47

Comparte esta noticia

Dous sitios únicos en Europa: do Ézaro, coa fervenza do Xallas, a San Andrés de Teixido, cos cantís máis altos da Europa continental. La Vuelta tardou, pero por fin descubriu a Serra da Capelada, escenario xa coñecido polo ciclismo galego. Segundo final en alto, no miradoiro de Vixía Herbeira, un porto duro, de case 12 quilómetros, pero, cun descanso a medio camiño, non dabondo para abrir diferenzas entre os favoritos na cuarta tirada da carreira. 

O pelotón de La Vuelta, camiño de San Andrés de Teixido.
O pelotón de La Vuelta, camiño de San Andrés de Teixido. | Fonte: @grahamwatson10

“Cando vexan estes cantís, haberá un antes e un despois do paso da Vuelta, como pasou con Ézaro”, aventura Ezequiel Mosquera, un dos impulsores deste final inédito na Vuelta. No cumio da Garita de Herbeira, en San Andrés de Teixido, entre Cedeira e Cariño, gañou Lilian Calmejane (Direct Energie), a segunda vitoria francesa consecutiva, nesta edición na que os ciclistas franceses son maioría pola desaparición dos equipos españois do pelotón. Calmejane, de tan só 23 anos, foi o máis forte e resistiu en solitario tras unha escapada de 21 corredores.

Tan só unha etapa lle durou a camisola vermella a Rubén Fernández (Movistar), quen cedeu na subida a Herbeira o maillot de líder ao colombiano Darwin Atapuma (BMC), segundo en meta, cos favoritos Valverde, Chaves, Froome, Contador e Quintana, por esta orde, entrando a 2,05 do vencedor, gardando forzas para vindeiras batallas. Non houbo ataques, ninguén ousou saltar do grupo principal tralos excesos en Ézaro, e non houbo trocos na clasificación xeral entre os principais candidatos.

O Puma colombiano, de 28 anos, será o líder na quinta etapa polas estradas galegas, cunha vantaxe de 29 segundos sobre Valverde, 33 sobre Chris Froome e 39 sobre Esteban Chaves e Nairo Quintana. Todos ben apertados, agás Alberto Contador, a 1,53 do líder tras amosar as súas debilidades na crono por equipos e no muro de Ézaro.

Movistar, malia vestir Rubén Fernández o maillot vermello na saída de Betanzos, permitiu unha escapada de 21 corredores con pouco perigo para a xeral pero si para o liderado pola presenza de Atapuma. Nos portos intermedios da Serra da Capela e Monte Caxado, Movistar dedicouse a controlar a fuga pero sen moitos excesos. Aproveitouse Calmejane, vitorioso no final inédito de Cedeira, malia a reacción final de Atapuma, que tivo que conformarse coa camisola vermella.
Este mércores, quinta tirada de 171,3 quilómetros entre Viveiro e Lugo. Etapa chá, pero co típico terreo galego rompe pernas, que inclúe un circuíto pola capital lucense, favorábel para os velocistas, coa meta na Ronda da Muralla. Tan só un porto de montaña, Marco de Álvare, na N-640, de 11,8 kms ao 3,6 %, a 52 quilómetros de meta.

Clasificación xeral:

Os cantís da Capelada, no twitter do equipo suráfricano Team Dimension Data.
Os cantís da Capelada, no twitter do equipo suráfricano Team Dimension Data. | Fonte: @TeamDiData

1. Darwin Atapuma (BMC) 13h:23:10
2. Alejandro Valverde (Movistar), a 28 segs
3. Chris Froome (Team Sky), a 32 segs.
4. Esteban Chaves (Orica), a 38 segs.
5. Nairo Quintana (Movistar), a 38 segs.
6. Samuel Sánchez (BMC), a 1,07
7. Rubén Fernández (Movistar), a 1,10
8. Leopold Konig (Team Sky), a 1,12
9. Peter Kennaugh ((Team Sky), a 1,14
10. Gianluca Branbilla (Etixx-Quick Step), a 1,22
11. Lilian Calmejane (Direct Energie), a 1,24
12. Dani Moreno (Movistar), a 1,35
13. Alberto Contador (Tinkof), a 1,52

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta