Galicia esgrime capacidade de innovación e investigación para acoller a Axencia Europea de Medicamentos

A Xunta argúe que é o "lugar ideal" para acoller esta institución europea e destaca que está "en disposición" de dar o que cre "un paso importante". A actual sede está en Londres e será trasladada tras a decisión de Reino Unido de saír da Unión Europea.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2016 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Os "modelos innovadores" conseguidos en Galicia, xunto ao traballo investigador, sitúan o noso país como o "lugar ideal" para acoller a nova sede da Axencia Europea de Medicamentos, actualmente en Londres, tras a decisión de Reino Unido de saír da Unión Europea. Así o considera a consellería de Sanidade, quen salienta o "importante" traballo que se realiza en Galicia en materia de capacidade de innovación e investigación unha das principais "fortalezas" do país para optar a acoller esta institución europea.

Sede da Axencia Europea de Medicamentos en Londres.
Sede da Axencia Europea de Medicamentos en Londres.

Nunha entrevista concedida a Europa Press, o subdirector xeral de Planificación e Programación Asistencial da Consellería de Sanidade, Alfonso Alonso Fachado, esgrimiu, ademais, que a modernización da estrutura sanitaria en Galicia, así como a translación do contido da investigación á sociedade son factores fundamentais para esta candidatura.

Entre as "fortalezas importantes" resaltadas por Alonso Fachado, sinalou a Galicia como "referencia" en novos modelos de xestión do envellecemento activo; así como en investigación biomédica; ademais de subliñar o traballo que realizan fundacións como a de Genómica; e avances na área de compra pública no marco da iniciativa 'Innova Saúde'.

Tamén argumenta a Xunta o labor "formativo e cooperativo" que realizan unidades mixtas de universidades galegas ou hospitais universitarios con laboratorios farmacéuticos; así como o traballo en materia de descubrimento de fármacos. A iso suma o percorrido do Clúster de Saúde de Galicia para defender a candidatura galega no proceso de selección da nova sede.

GRUPO DE TRABALLO

Se ben Alonso recoñeceu que o proceso de elección da nova sede da Axencia Europea de Medicamentos "leva tempo", incidiu no traballo que impulsa ao respecto " toda a Xunta", para o que apela á colaboración de universidades, empresas e da sociedade en xeral.

Para iso, a Administración galega aposta por "xuntar sinerxías", polo que prevé crear un grupo de traballo "transversal" que conte con profesionais das consellerías de Sanidade e Medio Rural, entre outros departamentos, así como das universidades galegas, investigadores e empresas.

BENEFICIOS

Preguntado polos beneficios para Galicia de acoller a nova sede, Alfonso Alonso explicou que, ademais dos "evidentes económicos", hai outros "inmateriais que interesan", que van dende "visibilizar e potenciar" proxectos de investigación, innovación, ademais de colocar a Galicia nun lugar destacado en investigación e control de medicamentos.

Nesta liña, incidiu en que o beneficio "máis importante" sería colocar a Galicia nun "nivel bastante importante de investigación" en materia sanitaria e de control de medicamentos. Por iso, a Xunta considera a candidatura galega "un paso moi importante".

"Imos apostar forte polo proxecto", subliñou Alonso Fachado, ao tempo que apuntou á "vontade e interese pleno" por que Galicia consiga acoller a nova sede da Axencia Europea de Medicamentos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta