Abanca encargarase da restauración e protección do mural de Urbano Lugris 'Vista de A Coruña'

Abanca encargarase da protección e restauración do mural de Urbano Lugrís 'Vista de A Coruña 1669', tras recibir en comodato a pintura mural, situada ata agora no número 74 da rúa Real e nun estado de conservación deficiente.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2016 | Actualizada ás 19:09 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Abanca encargarase da protección e restauración do mural de Urbano Lugrís 'Vista de A Coruña 1669', tras recibir en comodato a pintura mural, situada ata agora no número 74 da rúa Real e nun estado de conservación deficiente.

A peza está catalogada e incluída no Plan Especial de Protección e Reforma Interior (PEPRI) de A Coruña e, sobre ela, está incoado un expediente para a súa posible declaración como Ben de Interés Cultural (BIC).

O banco afronta esta responsabilidade e asume o custo económico correspondente dentro do seu compromiso coa conservación e difusión do patrimonio cultural galego, indicou Abanca a través dun comunicado.

O proxecto de Abanca para a obra de Lugrís inclúe a extracción e traslado do mural dende a súa situación actual ata o acceso á oficina principal do banco en A Coruña pola rúa Olmos, onde o público poderá contemplar os traballos de restauración. Para iso, realizaranse as actuacións técnicas necesarias para a súa axeitada rehabilitación e tamén para a súa posterior exposición.

O obxectivo é "respectar ao máximo o contexto orixinal da obra", de aí que se escollera un local practicamente contiguo ao actual. Ademais, manterase a mesma orientación e a súa exhibición como un mural, xa que no espazo se recreará un muro no que se integrará a obra.

O informe técnico encargado a principios de ano por Abanca á empresa Arteca serviu para constatar o "mal estado de conservación da peza" realizada en 1952 para decorar a sede do Banco Hispano Suízo e recomendar o seu traslado mantendo o soporte orixinal mediante a técnica coñecida como 'stacco a masello', que consiste en arrancar a pintura mural incluíndo parte do soporte físico por ser a que menos modifica o aspecto da obra.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta