Sestayo insta o PSdeG a "mellorar" os procesos de elaboración de listas tras faltar "consenso" esta vez

As listas socialistas rexistran outros catro cambios na Coruña, Lugo e Ourense, todos eles fóra de postos de saída

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2016 | Actualizada ás 20:16 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A secretaria local do PSOE en Ferrol, Beatriz Sestayo, instou este mércores ao seu partido a "mellorar os procesos de elaboración das candidaturas, á vista de que nesta ocasión "non houbo o consenso necesario" e iso ocasionou disensións internas.

Neste sentido, opinou que as renuncias de cinco integrantes da candidatura de Pontevedra débense a este motivo e defendeu que se trata dunha decisión "tan respectable como a de ir". "Unhas listas deben facerse co mellor consenso para que non acontezan cuestións como estas", apostilou a tamén tenente de alcalde de Ferrol.

Ao fío diso, preguntada sobre a posibilidade de que o alcalde socialista de Vigo, Abel Caballero, non participe na campaña, Sestayo minimizou esta cuestión argumentando que "a súa forma de gobernar" xa é unha achega a esta.

"A forma de gobernar de Abel Caballero e o seu posicionamento defendendo os valores socialistas e a cidadanía, xa sen dúbida achegan moitísimo ao que é unha campaña socialista", resolveu.

Dito isto, puxo o foco en que a "prioridade" agora que as listas están aprobadas é "desaloxar" a Alberto Núñez Feijóo para lograr un "cambio de goberno" na Xunta. E é que, segundo as súas palabras, o dirixente popular foi un presidente "nocivo" para Galicia e del, ao seu xuízo, "ningún galego sabería dicir algo bo que fixo" por esta comunidade.

BAIXAS NAS LISTAS

Na xornada do martes coñecéronse cinco renuncias á lista de Pontevedra, catro delas relacionadas coas críticas do alcalde de Vigo aos cambios aprobados nestas.

Trátase do vigués José Ángel Santoro, que figuraba inicialmente no número cinco pero caeu ata o 11 na lista definitiva; do exconcelleiro en Ponteareas Delfín Domínguez, situado no 13; de José Antonio Cid Novoa, dirixente en Cangas que ocupaba o número 15, e de Isaac Araújo, de Redondela e incluído no posto 17.

A quinta, Bárbara Domínguez, de A Guarda e que concorría como número 10, débese ao malestar expresado xa o pasado domingo polas Xuventudes Socialistas debido ao seu escaso peso nas candidaturas.

De feito, os outros dous membros da organización xuvenil incluídos en listas (Laura Requeixo e Adrián Borrajo, ambos os dous en Ourense) tamén decidiron non formar parte destas. A primeira ocupaba o posto número 13 e o segundo formaba parte da nómina de suplentes.

A eles súmanse outros catro cambios coñecidos este mércores, coincidindo coa publicación das listas no Diario Oficial de Galicia, todos eles fóra dos postos de saída.

Son o lucense Carlos López, en substitución de Raúl García no número sete; o ourensano Pablo López Vidal, que deixa paso a Luis Fernández Gudiña no posto oito; e os coruñeses Samuel Lago e Eva Tomé, números 13 e 16, respectivamente, polos que entran José María Rocha e Rosario Valledor.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta