De Viveiro a Monforte pola Muralla

O belga Gianni Meersman suma a súa segunda vitoria na Vuelta tras un accidentado sprint en Lugo, que provocou o abandono de Steve Kruijswick e un corte no pelotón sen consecuencias para a xeral. Darwin Atapuma segue de líder e, este xoves, sexta tirada entre Monforte e Luintra pola Ribeira Sacra.

Por gcdeportes | Lugo | 25/08/2016 | Actualizada ás 01:03

Comparte esta noticia

Trala saída en Ourense, e o paso polas estradas de Pontevedra e Coruña, Lugo sumouse á festa da Vuelta. Dende Viveiro pola Mariña lucense e a N-640 ata a capital. Despois de dous finais en alto en Ézaro e Vixía de Herbeira, final accidentado polas estreitas rúas lucenses, con dúas graves caídas. Primeiro a de Steven Kruijswijk, líder do Lotto, que perdeu o Giro por unha caída e agora abandona a Vuelta por outra. Despois o belga Jan Bakelandts, do Ag2r, que curtou o sprint do pelotón xa dentro do último quilómetro.

O Pelotón, trala súa saída en Viveiro con chuvia.
O Pelotón, trala súa saída en Viveiro con chuvia. | Fonte: lavuelta.com

“Sufrín unha caída moi forte e resulta terríbel ter que deixar esta carreira por mor dun obxecto que non debería ter estado alí”, laiouse Kruijswijk do bolardo sen sinalizar na estrada. A organización da proba tivo que emitir un comunicado para expresar as súas “sinceras desculpas” cos equipos afectados (ata 14 ciclistas víronse implicados) e coa Asociación Internacional de Equipos Ciclistas, e abriu unha investigación interna para saber por que non se sinalizou debidamente o obstáculo, “como estaba previsto”.

Na liña de meta á beira da muralla romana gañou o belga Gianni Meersman (Etixx), o mesmo da segunda etapa en Baiona, e o colombiano Darwin Atapuma (BMC) mantivo a camisola vermella, xa que a caída no último quilómetro obrigou aos xuíces a dar o mesmo tempo en meta a todo o pelotón. O final accidentado seleccionou un grupo de 15 corredores, entre os que estaban Valverde, Froome e Quintana, e onde Meersman foi de novo o máis rápido. O pelotón entrou cortado polos accidentes de última hora.

Os favoritos manteñen as súas posicións na xeral: Atapuma, de vermello, avantaxa en 29 segundos a Alejandro Valverde, en 33 a Chris Froome e con 39 sobre Esteban Chaves e Nairo Quintana. Alberto Contador, que mantense 13º a 1,53 do líder, evitou a caída por pouco: “La caída se ha producido delante de mí y tuve la suerte de saltar por encima de la pierna de un ciclista. Para mí, ha sido un día tranquilo, pero siempre hay nervios porque aquí se lucha por un segundo como si fuera un minuto".

O protagonismo do día foi para o portugués Tiago Machado (Katusha), escapado durante 157 quilómetros e neutralizado xa nas rúas de Lugo, e para a choiva, que apareceu en Viveiro, onde o primeiro lucense en acadar un ouro olímpico, Cristian Toro, deu a saída oficial da quinta etapa. Os equipos Trek, Etixx e Giant tiraron abaixo sen maiores problemas a escapada de Machado, e o pelotón, presto para gozar dun sprint tras unha xornada relativamente tranquila, sufriu coas caídas inesperadas.

O belga Gianni Meersman imponse no final na Ronda da Muralla, ateigada de xente.
O belga Gianni Meersman imponse no final na Ronda da Muralla, ateigada de xente. | Fonte: lavuelta.com

Dez anos despois da vitoria de Alexander Vinokurov en Lugo, Gianni Meersman, belga de 30 anos, venceu na muralla lucense. Este xoves, sexta etapa de 163,2 quilómetros entre Monforte de Lemos e Luintra, coa Ribeira Sacra e os canóns do Sil como protagonistas. Só un porto de 2ª categoría (Alto Alenza), pero 80 quilómetros finais de trazado rompepernas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta