Villares afirma que En Marea lle porá "ás bravas" a maleta a Feijóo "para que se vaia a Madrid"

Para o candidato das mareas Galicia é o "segundo prato" para Feijóo porque "non o quixeron en Madrid"

OURENSE | 25/08/2016 | Actualizada ás 16:08 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O aspirante de En Marea á Presidencia da Xunta, Luís Villares, dixo este xoves en Ourense que a súa formación o vai poñer "ás bravas" a maleta a Alberto Núñez Feijóo "para que se vaia a Madrid", tal e como considerou que era a intención do candidato 'popular' á reelección antes de presentarse por Galicia como "segundo prato".

Así o asegurou durante a presentación da candidatura de En Marea pola provincia de Ourense, nun acto no que estivo arroupada pola cabeza de lista, a directora da compañía teatral Sarabela, Ánxeles Cuña; do número dous, David Rodríguez, alcalde de Manzaneda; o número catro, Xosé Manuel Pérez Bouza, exsenador do BNG e exdirixente de Compromiso por Galicia, e por Manuela Pérez (5), da candidatura veciñal Xinzo Adiante.

"Temos a mellor lista para gobernar", sinalou ao inicio do seu discurso Villares, que destacou que os membros da candidatura chegan á política porque "os cidadáns están fartos de que lles tome o pelo" e porque, tras o "momento da indignación" chegou "o momento do compromiso".

Villares convidou aos cidadáns a non escoitar a mensaxe de Núñez Feijóo de cara á próxima cita electoral, senón a "preguntarse que fixo" durante os seus oito anos á fronte do Goberno galego.

VILLARES: "A FEIJÓO NON O QUIXERON EN MADRID"

Durante o seu discurso o candidato de En Marea foi moi crítico co candidato popular, do que sinalou que "en abril se quixo ir de Galicia", pero que "non o quixeron en Madrid e por iso queda".

Para o candidato de En Marea, Galicia é o "segundo prato" para Feijóo, por este motivo insistiu en que a súa formación vai ser a que "pola brava lle poña a maleta na casa para que se vaia a Madrid". "Se se quere ir que se vaia", reiterou.

Villares considerou que Feijóo "só pode ofrecer paro e emigración". Ademais, recordoulle que "tivo oito anos" para poñer en práctica as medidas que presenta no seu programa electoral e lamentou que "chega coa bolsa cargada de promesas que non vai poder cumprir" porque "tampouco as cumpriu durante os últimos ochos anos", apostilou.

"GRANDE OFERTA"

En clave ourensana o candidato á Presidencia da Xunta por En Marea remarcou que "a grande oferta" de Feijóo para a provincia é "a monarquía baltárica", en referencia ao presidente do PP de Ourense, Manuel Baltar, que substituíu no cargo ao seu pai José Luis Baltar.

Para o candidato de En Marea, con Baltar, Feijóo ofrece "a miseria moral dun personaxe máis próximo a protagonizar a próxima saga de Torrente que a gobernar esta provincia".

"Esta é a única xente coa que Feijóo vai poder pactar", sinalou Villares, que engadiu que "fronte a isto" a súa formación aposta pola "honestidade", a "decencia" e a "solvencia".

"A nosa misión é levar a dignidade ás institucións", remarcou o candidato de En Marea. Por este motivo insistiu "a partir do día 25" a súa formación "vai sacar" das institucións "aos que non foron capaces de cumprir cos seus deberes" para conseguir que a xente puidese vivir con máis dignidade.

CUÑA, disposta A ACABAR CO "AUSTERICIDIO",

Pola súa banda, a cabeza de lista por Ourense, Ánxeles Cuña, destacou que a candidatura representa unha "lista equilibrada" e "potente" disposta a acabar coa actual política, que cualificou como "austericidio". Ademais, insistiu en que a diversidade de opcións que representa En Marea por Ourense "é un valor" engadido que "non existe noutros partidos políticos".

Así mesmo, a cabeza de lista destacou que En Marea de Ourense se vai mover en defensa de catro principios: unha maior horizontalidad fronte á "política monolítica" doutras formacións; a defensa da igualdade e o benestar social, o impulso ao emprego e a transparencia ante os cidadáns "en calquera momento da lexislatura".

O número dous da lista, David Rodríguez, defendeu que En Marea é "a única alternativa real e útil ao PP", capaz de devolver aos cidadáns "tódolos dereitos usurpados pola política de austeridade de Feijóo". "Outros catro anos máis do PP deixarán a Galicia na UVI", insistiu.

Tamén Pérez Bouza (número catro) defendeu a diversidade de forzas que integran En Marea e no seu discurso avogou por un reequilibrio entre a Galicia atlántica e a interior. Neste sentido, criticou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "presume de ourensanía", pero preséntase por Pontevedra. Fronte a esta situación resaltou que o candidato de En Marea "é de Lugo, traballa en Lugo e se presenta por Lugo".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta