Consello.- Os menores de 19 anos viaxarán gratis no transporte interurbano de Galicia a partir do luns

A Xunta investirá 8,1 millóns de euros para apoiar a contratación de 500 persoas en entidades sen ánimo de lucro

Santiago de Compostela | 25/08/2016 | Actualizada ás 19:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A gratuidade do transporte público interurbano de Galicia para uns 200.000 menores de 19 anos entrará finalmente en vigor o próximo luns, día 29, cando faltarán apenas 10 días para o inicio da campaña electoral.

Diso deu conta o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal co seu goberno, na que destacou que "o plus de responsabilidade" de Galicia permite poñer en marcha este tipo de medidas.

Medidas que, segundo as súas propias palabras, contribuirán "de forma substancial" ás economías familiares e a "asentar" o uso do transporte público entre os máis novos.

En concreto, a tarxeta 'Xente Nova', que será expedida gratuitamente por Abanca, ofrecerá un máximo de 60 viaxes interurbanas ao mes e tamén permitirá o seu uso para transbordos en autobús urbano sempre que formen parte do mesmo desprazamento.

"Intentaremos que as cidades tamén se sumen, e que Galicia sexa un lugar gratuíto para que os mozos se poidan desprazar", remarcou o presidente, antes de apuntar que Ourense, a única gobernada polo PP, xa expresou a súa "vontade" de asumir esta actuación.

AFORRO

Un dos aspectos que destacou Feijóo desta medida é o aforro, que pode ser duns 520 euros anuais para unha persoa que viaxe habitualmente entre Redondela e Vigo ou Ferrol e Narón; duns 800 euros para 'dous saltos' (de A Coruña a Betanzos ou de Lugo a Baleira) e de máis de 1.100 euros para''tres saltos' (de A Estrada a Santiago).

Súmanse estas contías ao "aforro" derivado da implantación do plan de transporte metropolitano de Galicia, que rolda os 600 euros anuais por cada usuario habitual dos autobuses públicos.

INSERCIÓN SOCIOLABORAL DE MOZOS

Tamén pensando nos mozos, o Consello da Xunta deu luz verde este xoves ao contrato de servizos do programa Mentor, de inserción sociolaboral de persoas de ata 25 anos que estean ou estiveran baixo tutela da administración autonómica, suxeitos a medidas xudiciais ou usuarios de outro programas.

Este contrato, pensado para os catro próximos anos máis dúas prórrogas, suporá un gasto de 9,6 millóns de euros. Son uns 500 os usuarios que ten ao ano o programa Mentor, que inclúe a xestión de seis vivendas tuteladas e dous de transición á vida autónoma.

Adicionalmente, o Executivo autonómico acordou a continuidade dos equipos de inclusión sociolaboral de carácter comarcal, un recurso creado en 2008 e que xa atendeu case 20.000 persoas.

O reforzo deste servizo (contará cun 23% máis de fondos este ano, que serán transferidos mensualmente) está incluído na axenda social única pactada entre a Xunta, a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e a Rede Galega de Loita contra a Pobreza.

TRABALLO EN ONGs

Por outra banda, o Goberno galego prevé investir 8,1 millóns de euros para apoiar a contratación de 500 traballadores en entidades sen ánimo de lucro, o que supón 200.000 euros máis que o pasado ano.

O obxectivo desta iniciativa é proporcionar a persoas sen emprego unha experiencia profesional, de modo que traballarán no ámbito dos servizos de carácter social relacionados coa atención a minusválidos, maiores, nenos ou persoas en risco de exclusión.

Tamén poderían realizar labores de índole empresarial, cultural, deportivo, de tempo libre ou relacionadas á xuventude en xeral.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta