Bela e dura Ribeira Sacra

O británico Simon Yates gaña en Luintra a sexta tirada da Vuelta tras saltar do pelotón a tres quilómetros de meta e frustrar o traballo de Movistar para Valverde. “Unha xornada dura, de calor e moito desgaste”, resumiu Contador. Este venres, sétima tirada galega con saída de Maceda.

Por gcdeportes | Maceda | 26/08/2016 | Actualizada ás 08:18

Comparte esta noticia

Dende Monforte ata Luintra, pero sen tempo para gozar dos canóns do Sil ou das mostras de viticultura heroica. “Unha xornada dura, de calor e moito desgaste”, resumiu Alberto Contador na liña de meta. Ata 36 grados padeceron os ciclistas no seu paseo pola Ribeira Sacra, ora lucense, ora ourensá, cun ritmo endiañado sobre as bicicletas, ora cara arriba, ora cara abaixo.

O paso do pelotón polos canóns do Sil.
O paso do pelotón polos canóns do Sil. | Fonte: lavuelta.com

A unha media de 40 quilómetros por hora chegaron á meta de Luintra, na ribeira ourensá, onde gañou o británico Simon Yates (Orica), quen fuxiu do pelotón a tres quilómetros do remate e frustrou as intencións do Movistar de levarse a etapa co inesgotábel Alejandro Valverde. Tras pedir permiso o seu director para atacar, Simon Yates, de 24 anos, impúxose en solitario tras pasar como un lóstrego ao suízo Frank, último supervivente da escapada do día. Yates chegou a meta con 19 segundos de vantaxe sobre o español Luis León Sánchez (Astana), e os favoritos entraron todos xuntos a 29 segundos do vencedor. Mentres, o colombiano Darwin Atapuma (BMC) retivo a camisola vermella de líder, con 28 segundos sobre Valverde e 32 sobre Froome.

A etapa saiu a todo ritmo de Monforte, co pelotón minguado polas baixas de Kruijswijk, Kiserlovski e Minard tralo accidentado final en Lugo. Unha tras outra, tentativas de fuga, controladas todas por BMC, ata que o equipo do líder permitiu a aventura de 11 corredores a partir do quilómetro 45, entre eles Alberto Losada, con antecesores galegos. Nada preocupante. No Alto de Alenza, única dificultade montañosa da xornada sinalada no libro de ruta, o pelotón púxose a traballar e a diferenza foi baixando.

Do cumio a Luintra, case 50 quilómetros por estradas estreitas e sinuosas, un rompepernas para os ciclistas, que con insistencia demandaban auga dos coches de asistencia. Entre curva e curva, con moita calor, Omar Fraile, Zeits, Frank e Bakelants loitaban contra o ritmo imposto por Movistar pensando en Valverde.

Todos foron caendo, e Simon Yates, cheo de forzas e confianza, saltou do pelotón tras Dani Moreno e xa non parou ata a liña de meta, onde entrou primeiro. Este venres, sétima tirada de 158,5 quilómetros entre Maceda e Puebla de Sanabria, última etapa con protagonismo galego, con paso por Baños de Molgas, Xunqueira de Ambía, Allariz, Sandiás, Xinzo, Verín e A Gudiña entre outros, con saída polo Alto de Padornelo.

Selfie dun afeccionado con Chris Froome na saída en Monforte.
Selfie dun afeccionado con Chris Froome na saída en Monforte. | Fonte: @TeamSky

Tras seis etapas polas estradas de Galicia, dúas vitorias francesas (Geniez e Calmejane), dúas británicas (Sky na crono e Yates) e dúas holandesas con Meersman ao sprint.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta