14 millóns por Lucas Pérez

O Arsenal paga os 20 millóns da cláusula de rescisión do dianteiro deportivista e o Dépor ingresará o 70% do traspaso, o máis caro da historia dun futbolista galego. O de Monelos viaxa cara a Londres e xa non xogará hoxe en Sevilla contra o Betis (20.45h).

Por gcdeportes | A Coruña | 26/08/2016 | Actualizada ás 09:19

Comparte esta noticia

Unha nova etapa no Dépor, que hoxe xogará en Sevilla xa sen Lucas Pérez, que viaxa cara a Londres para pasar recoñecemento médico e firmar co Arsenal por catro tempadas. Despois de dous meses interminábeis de ruxerruxes, seis días antes de rematar o prazo de fichaxes, chegou a nova que o deportivismo temía: a marcha da que foi a súa icona nas dúas últimas campañas, quen axudou ao Dépor a manterse en Primeira cos seus goles (6 na primeira campaña, incluído un decisivo no Camp Nou, e 17 na segunda).

Lucas Pérez celebra o seu gol de falta directa ao Sevilla, o 10ª da Liga.
Lucas Pérez celebra o seu gol de falta directa ao Sevilla, o 10ª da Liga. | Fonte: lfp.es

Era xa a única posibilidade, que alguén pagase a cláusula de rescisión, e o Arsenal de Arsene Wenger, equipo Champions co peto cheo de cartos, paga os 20 millóns fixados no contrato (máis os 4,2 do IVE) para levarse ao de Monelos. Destes 20 millóns da venda de Lucas Pérez, o Dépor ingresará 14 millóns e os outros seis serán para o PAOK grego, que posuía aínda o 30% dos dereitos do xogador tralo traspaso por dous millóns o pasado verán. Pero dos 14 millóns deportivistas, o 25% (ata 3,5 millóns) serán para Facenda, polo acordo singular firmado en marzo do 2014 para pagar a débeda. Ao Dépor quedaranlle pois 10,5 millóns limpos.

Ata o de agora, Lucas Pérez renunciara a mellores ofertas por xogar no club da súa vida, pero o Arsenal, a piques de cumprir 28 anos (10 de setembro), ofrecerá ao de Monelos a posibilidade de loitar pola Premier e de xogar a Champions: PSG, Basilea e Ludogorets serán os rivais dos londinenses na fase de grupos que se sorteou onte. Todo un salto para un xogador que tivo que loitar arreo na súa carreira tras pasar polo Rayo, Ucraína (Karpaty) ou Grecia (PAOK).

En troques, como perder dous puntais o mesmo día era excesivo, o Dépor retivo a Sidnei tras facer efectivo o seu dereito de tanteo e igualar a oferta presentada polo Valencia ao Benfica, que posuía o 65% dos dereitos do xogador. O central, agora propiedade ao 100% do Deportivo, si estará hoxe en Sevilla fronte ao Betis (20.45 horas).

A seis días de que remate o prazo de fichaxes, o Dépor rastrexa contrarreloxo o mercado para buscarlle un substituto a Lucas Pérez. “Se algún xogador do Dépor vaise, evidentemente hai que tentar traer a outro porque non somos un plantel moi longo”, apuntaba xa case resignado Gaizka Garitano pola mañá. Será imposíbel atopar alguén tan identificado co Dépor, a súa afección e a súa historia, e haberá que agardar para saber como afecta a súa marcha ao equipo, coa Liga xa principiada.

Lucas Pérez laiase dunha ocasión errada co Deportivo.
Lucas Pérez laiase dunha ocasión errada co Deportivo. | Fonte: lfp.es

O galego máis caro

O traspaso de Lucas Pérez do Dépor ao Arsenal será o máis caro da historia dun futbolista galego, e tamén dun club galego. Os 20 millóns de euros polo dianteiro de Monelos están moi por riba dos 12 millóns pagados polo Real Madrid por Míchel Salgado en 1999, os dez do Valencia por Santi Mina no verán do 2015 ou os nove do Liverpool por Iago Aspas en 2013.

Polo dianteiro céltico de Moaña lévanse pagados case 20 millóns, pero por tres clubs diferentes: nove do Liverpool ao Celta, seis do Sevilla ao Liverpool e preto de cinco do Celta ao Sevilla para recuperalo. Os 20 millóns de Lucas tamén están por riba dos 18 pagados polo Manchester City ao Celta por Nolito hai xa case dous meses.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta