Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/08/2016 | Actualizada ás 11:14
Traballadores da consultora Tecnocom concentraranse esta mañá diante do Psiquiátrico de Conxo, en Santiago, para demandar da empresa que sente a negociar. Tecnocom é a contratista do soporte técnico informático en numerosas aplicacións informáticas do Sergas. Por exemplo, a do expediente electrónico FIDES ou a ferramenta de dispensación de Sintrom, un dos medicamentos vasculares máis receitados.
Ante esta situación, o sindicato CIG preguntou por escrito ao goberno polas medidas adoptadas de cara a paliar as posíbeis consecuencias negativas. Cómpre lembrar que son os técnicos de Tecnocom os que deben asistir aos galenos cando teñen calquera problema coas ferramentas informáticas Os próximos días 1, 2 e 5 de setembro está convocada unha folga.
A central demanda ao Sergas que presione a contratista para evitar a folga. En concreto, que inicie a negociación co seu persoal para evitar o conflito laboral.
Tecnocom é unha consultora de orixe galego que traballa en todo o Estado e Iberoamérica. Os empregados levan tempo denunciando a conxelación do seu poder adquisitivo, malia os beneficios que din obten a compañía. O último episodio de conflito colectivo ten que ver coa remuneración dos festivos, pois a veintena de informáticos que dá soporte ao SERGAS debe traballar todos os días do ano.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.