O delegado do Goberno pide “non criminilizar ningún colectivo” pola desaparición dunha moza na Pobra

Santiago Villanueva insiste en que "están abertas todas as liñas" de investigación, que se realiza "mesmo fóra de Galicia".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/08/2016 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Cinco días despois, segue sen haber rastro algún da moza madrileña desparecida na Pobra do Caramiñal. Axentes da Garda Civil, coa colaboración da Policía Nacional e Autonómica, e efectivos de Protección Civil continúan o rastrexo nos arredores da vivenda onde veranea a familia da moza, entre outras zonas. O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, apelou este venres á colaboración cidadá ao tempo que pediu "non criminalizar ningún colectivo".

Diana María Quer López-Pinel, a moza desparecida na Pobra, nunha imaxe facilitada pola familia.
Diana María Quer López-Pinel, a moza desparecida na Pobra, nunha imaxe facilitada pola familia.

Villanueva explicou que "continúan as investigacións" por parte da Garda Civil" e que "están todas as liñas abertas". Por iso, apelou ao "apoio da cidadanía se hai algún dato que poidan achegar como, de feito, xa están a achegar distintas testemuñas".

Sobre o operativo na Pobra, comentou que o xoves "houbo un rastrexo con cans", busca que continúa este venres "coas actuacións con máis equipos" da Garda Civil. Neste sentido, insistiu en que os axentes seguen traballando, ao tempo que desexou "que se resolva o mellor posible este caso".

Preguntado sobre se hai algunha liña prioritaria de investigación, reiterou o delegado do Goberno que "están todas abertas". Deste modo, explicou que dende que "desapareceu a rapaza" se "están a investigar dende cámaras, móbiles, todo o que se pode investigar".

Por iso, avogou por "deixar traballar aos corpos de seguridade". Ao respecto, concretou que, ademais de coa Garda Civil, colaboran a Policía Nacional e Autonómica. Segundo ratificou, se repartiu nas comisarías a foto da rapaza e avogou por "deixar que se resolva e da mellor forma posible".

FEIRANTES

Preguntado pola suposta relación dalgún sospeitoso do colectivo de feirantes con esta desaparición, Villanueva recalcou que "están todas as liñas abertas, pero en absoluto se pode criminalizar a ningún sector e, dende logo, tampouco aos que están a traballar en temas de espectáculos".

Ao fío diso, esgrimiu que a desaparición foi na Pobra e as "últimas noticias" que se tiveron da moza de 18 anos foron "nesa zona". "Pero non hai nada que o relacione, nin que se lle poida relacionar neste momento cos datos que temos", engadiu, para pedir que non se criminalice a "ningún tipo de colectivo en relación con este caso".

"A busca estase a realizar na Pobra, pero as actuacións son dun ámbito moito máis grande", confirmou o delegado do Goberno, que, á súa vez, puntualizou que as actuacións que realiza a Garda Civil "interrogando testemuñas non só se circunscriben á Pobra, senón a un ámbito moito máis amplo, mesmo fóra da comunidade".

Así mesmo, preguntado se se vai realizar unha reconstrución dos feitos, Villanueva aclarou que "dentro das actuacións da Garda Civil é unha das actuacións que pode ser posible". "Deixemos investigar, deixemos que traballen e insistir na achega de datos por parte de calquera cidadán", concluíu.

DENUNCIA

A moza de 18 anos chámase Diana María Quer López-Pinel e foi vista por última vez a un quilómetro da vivenda onde veranea coa súa familia na zona de Cabío-Xobre.

Dende que os seus familiares presentaron a denuncia ante a Garda Civil, axentes da Policía Local e distintas agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Pobra, Porto do Son, Boiro e Ribeira, así como familiares e veciños colaboran na busca da moza.

A rapaza mide 1,75 metros, ten o pelo longo liso e moreno, ollos escuros e peso uns 55 quilos. A última vez que foi vista vestía pantalón curto rosa, camiseta branca e sudadera e calzaba zapatillas negras con cordóns.

Os teléfonos dispoñibles pola Garda Civil para aportar calquera pista son o 062 e o 981 83 01 36.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Hermerico

Que garantista! ....segundo para qué....