Informáticos do Sergas piden "volver de forma permanente" ás condicións laborais previas á súa modificación

Os traballadores volverán concentrarse o 29 de agosto e teñen convocada unha folga os días 1, 2 e 5 de setembro

Santiago de Compostela | 26/08/2016 | Actualizada ás 17:20 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os traballadores da empresa Tecnocom, encargada do mantemento do soporte técnico informático de varias aplicacións do Servizo Galego de Saúde (Sergas), solicitou á Administración sanitaria "volver de forma permanente" ás condicións laborais previas á súa "modificación unilateral".

Segundo trasladou a CIG a través dun comunicado, o persoal da compañía manifestouse este venres diante do seu centro de traballo, no Hospital Psiquiátrico de Conxo (Santiago), para demandar ao Sergas que non permita a "explotación dos seus traballadores".

Neste sentido, explicaron que estes profesionais desenvolven a súa actividade en xornadas de 24 horas, sete días á semana e cun salario de entre 700 e 800 euros. De forma que, reclamaron unha negociación para estudar as compensacións por traballar nos festivos, xornadas de verán, entre outras datas.

Así mesmo, reclamaron un abono polos "danos e prexuízos que a decisión empresarial ocasionou ao persoal", ademais dunha compensación por vía económica ou en días libres polos festivos traballados, e aínda maior no caso dos "festivos especiais" (14, 25, 31 de decembro e 1 e 6 de xaneiro).

FOLGA E MANIFESTACIÓN

Por outro lado, anunciaron que o próximo luns 29 de agosto volverán concentrarse. Esta vez diante da sede do Sergas, en San Lázaro (Santiago) ás 10,00 horas. Ademais, os días 1, 2 e 5 de setembro convocaron unha folga para o que contan co apoio dos comités de Baía Software, Dinahosting, Contact Nova e Balidea, así como coa sección sindical da CIG de Coremain.

Neste sentido, a CIG indicou que a representación do persoal de Tecnocom celebrou unha reunión este venres coa xerencia do Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS) para tratar esta cuestión.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta