Feijóo defende que se presenta ás eleccións "con feitos", pois Galicia está "obxectivamente mellor" que en 2012

Di que o seu balance de goberno é resultado dun "traballo responsable e humilde" e cre que lle fará "gañar a confianza maioritaria dos galegos"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2016 | Actualizada ás 18:40 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou este venres que Galicia está "obxectivamente mellor" que en 2012, cando revalidou o seu cargo nas urnas, de modo que subliñou que se presenta aos comicios do próximo 25 de setembro "con feitos".

Nun acto no municipio lucense de Castro de Rei, a onde acudiu para facer balance da súa acción de goberno, o presidente dos populares galegos encomendou esa tarefa á cidadanía. "O noso xeito de convencer é con feitos, cun goberno que funciona e non divagando (...). O noso xeito de falar é como a dos galegos: facendo", formulou.

Neste sentido, nunha intervención na que intercalou o galego co castelán, xustificou a súa decisión de presentarse por terceira vez non só en que Galicia "está mellor" que en 2012 senón en que "pode estar mellor" en 2020, ao final da seguinte lexislatura.

"O meu discurso é o meu traballo, é o que fixemos, é o que propoño a Galicia que sigamos facendo todos xuntos os próximos catro anos", resaltou Feijóo, dende o convencemento de que o labor desempeñado por el e polo seu equipo de goberno o fará "gañar a confianza maioritaria dos galegos" o próximo 25-S.

Dito isto, puntualizou que el "nunca" quixo que os seus concidadáns lle vexan como "un máis dos que aparecen en televisión dicindo 'bla, bla, bla' de distinto xeito". O seu obxectivo é, segundo recalcou en presenza de todos os seus conselleiros, "seguir avanzando".

"GALICIA É UNHA EXCEPCIÓN"

Ao fío diso, subliñou que, como lle "importa" esta comunidade, interésalle o que se diga dela "en Madrid" e, a ese respecto, referiu que a percepción no exterior é que "Galicia é unha excepción de estabilidade, de contas públicas saneadas e de servizos públicos mellorados".

Entre os aspectos que destacou da súa xestión, puxo en valor que Galicia ten "asegurado o liderado no sector do mar", que "hai menos esperas" na sanidade, que ten as taxas universitarias "máis baratas", que conta co plan contra desafiuzamentos "máis completo", que dispón do "maior paquete de leis de impulso democrático" e que é "unha nacionalidade histórica que protexe a súa identidade en liberdade e sen imposicións".

Igualmente, Feijóo recordou as baixadas de impostos, o aumento de escolas infantís e de prazas en residencias e centros de día, a inversión en tecnoloxía hospitalaria e as melloras en centros educativos, a apertura a novos sectores produtivos, a recuperación do naval e a automoción, o crecemento da economía e a sinatura dun pacto cos concellos e as entidades sociais contra a pobreza.

"Ver permite querer, pero tamén crer, e os galegos ven, queren querer e queren crer que, connosco, Galicia pode seguir avanzando", proclamou, antes de defender que o seu balance de goberno é "resultado dun traballo humilde, responsable e co único compromiso de servir a Galicia".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta