Un punto sen Lucas

Un Dépor seguro en defensa empata 0-0 co Betis nun partido sen apenas ocasións pero no que Borja Valle, que debutaba en Primeira, puido marcar coa testa no tempo engadido. Catro puntos en dous partidos antes do parón de seleccións.

Por gcdeportes | A Coruña | 27/08/2016 | Actualizada ás 00:16

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Real Betis 0:
Antonio Adán; Piccini (Dani Ceballos, 83’), Mandi, Pezzella, Durmisi; Petros, Fabián (Musonda, 66’), Felipe Gutiérrez (Cejudo, 76’); Joaquín, Sanabria e Rubén Castro.
Deportivo 0: Poroto Lux; Juanfran, Raúl Albentosa, Sidnei, Navarro; Guilherme (Celso Borges, 62’), Pedro Mosquera; Emre Çolak, Fayçal Fajr, Bruno Gama (Luisinho, 78’) e Florin Andone (Borja Valle, 88’).
Árbitro: Clos Gómez (aragonés). Amarelas aos deportivistas Juanfran (minuto 64) e Pedro Mosquera (minuto 92).
Incidencias: partido da 2ª xornada de Primeira disputado no estadio Benito Villamarín ante 34.546 espectadores. Houbo seis minutos de desconto polos problemas do árbitro cunha lente de contacto.

Un punto para seguir sumando no primeiro partido sen Lucas Pérez. Sen moitos alardes, pero sen moitos apuros, malia conceder ata trece saques de esquina ao Betis. O Dépor controlou sen problemas os ataques rivais, e tras uns minutos de dúbidas, Gaizka Garitano meteu a Luisinho e pasou a xogar con defensa de cinco. Iso si, pouca cousa en ataque, con Florin Andone loitando só en punta, sen axuda, botando de menos a omnipresenza de Lucas Pérez. O Dépor mantense invicto tras dúas xornadas, nas que suma catro puntos. Tralo parón de seleccións, o Athletic visitará Riazor o domingo 11 de setembro (20.30 horas).

Sidnei, o mellor dos deportivistas, adiántase a Sanabria.
Sidnei, o mellor dos deportivistas, adiántase a Sanabria. | Fonte: lfp.es

Dous trocos no once deportivista (Emre Çolak por Carles Gil e a entrada obrigada de Florin Andone), pero co mesmo esquema (4-2-3-1). A primeira parte foi soporífera, nun choque sen ritmo, con xogo aburrido e sen continuidade, e sen apenas ocasións: unha falta lanzada moi pechada por Fayçal Fajr foi a única do Dépor, un remate coa testa do arxelino Mandi nun erro de marca nun córner, a única do Betis.

Trala reanudación, o Dépor saiu mellor que o rival, con máis posesión de balón, e Bruno Gama rematou preto do pau esquerdo de Adán, provocando os apupos do público local. Reaccionaron os béticos, e Lux evitou o 1-0 cunha boa parada a remate de Sanabria. Celso Borges entrou por un desaparecido Ghilerme, e os deportivistas pasaron os únicos momentos de apuro, cun par de accións locais trala entrada de Musonda. Garitano moveu ficha e deu entrada a Luisinho para xogar con cinco defensas. Rubén Castro tivo un remate claro tras un mal despexe do lateral portugués, pero nada máis, e a mellor ocasión foi para Borja Valle ao pouco de debutar, cun remate coa testa no segundo pau que petou no lateral da rede. O partido foise ata o 96, pero o resultado final foi o inicial: 0-0.

Bora Valle tivo a mellor ocasión cun remate que se foi ao lateral da rede.
Bora Valle tivo a mellor ocasión cun remate que se foi ao lateral da rede. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta