Sen rastro da moza desaparecida na Pobra tras sete días de busca

Polo momento, os investigadores manteñen todas as hipóteses abertas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/08/2016 | Actualizada ás 14:06

Comparte esta noticia

Este domingo, por sétima xornada consecutiva, continúa o operativo de busca da moza madrileña de 18 anos desaparecida na madrugada do luns na localidade coruñesa da Pobra do Caramiñal, onde veranea coa súa familia. Así o confirmaron a Europa Press fontes do dispositivo activado, o cal continúa despregado co obxectivo de descubrir algún indicio que permita determinar que lle pasou á nova.

Diana María Quer López-Pinel, a moza desparecida na Pobra, nunha imaxe facilitada pola familia
Diana María Quer López-Pinel, a moza desparecida na Pobra, nunha imaxe facilitada pola familia

Este sábado, o rastrexo produciuse en distintas áreas do municipio da Pobra, mentres que o venres se buscaron rastros nos arredores da vivenda de Cabío na que veranea a familia, aínda que sen atopar ningún rastro nin indicio.

O xoves, efectivos con cans rastrexaron a zona do paseo marítimo e os arredores da casa tamén sen obter resultados.

Polo momento, os investigadores manteñen todas as hipóteses abertas en relación con esta desaparición de Diana María Quer López-Pinel, á que se lle perdeu a pista cando regresaba a casa sobre as 2,30 horas do pasado luns tras estar nas festas da zona cunhas amigas.

DENUNCIA

Diana María Quer López-Pinel foi vista por última vez a un quilómetro da vivenda onde veranea coa súa familia na zona de Cabío-Xobre, nunha área do paseo marítimo da Pobra, onde tiñan lugar as festas locais.

Desde que os seus familiares presentaron a denuncia ante a Garda Civil tras constatar a súa ausencia, axentes da Policía Local e distintas agrupacións de voluntarios de Protección Civil da Pobra, Porto do Son, Boiro e Ribeira, así como familiares e veciños colaboran na procura da nova.

A moza mide 1,75 metros, ten o pelo longo liso e moreno, ollos escuros e pesa uns 55 quilos. A última vez que foi vista vestía pantalón curto rosa, camiseta branca e sudadera e calzaba zapatillas negras con cordóns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta