Unha ducia de consellos para unha volta ao colexio sen malgastar

A Unión de Consumidores de Galicia publica unha interesante compilación de pasos a seguir para evitar o despilfarro habitual na volta ás aulas dos máis pequenos.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/08/2016 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

A maioría das familias galegas con nenos está a ultimar os detalles da volta ao colexio dos cativos. Os estudos sobre o gasto por neno varían, pero todos apuntan que polo menos 200 euros son necesarios para equipalos e vestilo. Dende a Unión de Consumidores de Galicia lémbranos que "é posible aforrar aplicando unha serie de trucos e recomendacións que, aínda que parecen obvias, é importante ter en consideración para facer unha compra eficiente e responsábel". Velaquí a lista que, neste caso, deben estudiar os pais e nais:

A volta ao colexio supón un gran gasto cada ano para as familias galegas
A volta ao colexio supón un gran gasto cada ano para as familias galegas | Fonte: Europa Press.

1. Facer unha lista de material para coñecer todos os gastos que imos ter que afrontar e evitar comprar cousas innecesarias.

2. Reutilizar e reciclar. Buscar pola casa para ver o que temos doutros anos. Hai cousas que se poden aproveitar como bolígrafos, gomas, regras ou dicionarios; material escolar ao que lle podemos dar un segundo uso. Tamén pode ser interesante facer uso das plataformas de troco, espazos onde atoparemos roupa, libros e material escolar a bo prezo.

3. Debemos tentar que os máis pequenos sexan conscientes dos gastos e favorecer hábitos de consumo responsable, por iso é moi boa idea que participen connosco na elaboración dun orzamento e da revisión do material que temos na casa e que aínda podemos empregar.

4. Consultar todas as administracións para poder beneficiármonos de todas as axudas existentes.

5. Debemos comparar os prezos en diferentes establecementos para así ver cal é a mellor opción e a máis económica para as nosas necesidades.

6. Recorrer ás marcas brancas. O material escolar sen marca é máis económico e a súa calidade é a mesma.

7. Facermos un uso responsable da tarxeta de crédito axudaranos a non ter sustos. En moitas ocasións fraccionamos pagos ou non somos realmente conscientes do que levamos gastado ata que no chega o estrato.

8. Preguntar sempre a posibilidade de cambiar o produto se non se axeita ás nosas necesidades xa que non están obrigados a facelo, cando o produto estea en perfecto estado, salvo que así o anuncien.

9. Debemos pedir e conservar sempre o recibo de compra para así poder facer valer calquera dos nosos dereitos diante dunha desconformidade co produto adquirido.

10. No caso da roupa ou uniformidade comprar estritamente o necesario. Sempre podemos adquirir máis prendas ou calzado durante o curso. Deste xeito axudaremos a minorar a compra inicial.

11. Ter en conta que mercar fóra do concello supón un gasto adicional, polo que o aforro final igual non é tanto como pensamos nun primeiro momento.

12. Hai que lembrar que todas as empresas deben ter follas de reclamación e que se o establecemento está adherido a arbitraxe de consumo vai ser máis doado de resolver calquera falta de conformidade co produto ou servizo que adquirimos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Consello: que as ANPAs tomen a decisión de non mercar un só libro de texto !!! E logo falamos de prezo coas Editoriais que terían que comerse as novas edicións da LOMCE (que non son máis ca un refrito das edicións anteriores debidamente AMORTIZADAS!) Pero xa sabemos que a PrivadaConcertada non o faría na vida! E o ensino público faríase o harakiri para moitos anos... (?)