Temas: LEITE AGRO

Os gandeiros do leite volven á rúa

O PPdeG ten que moverse, e rápido, se non quere que un novo conflito cos gandeiros do leite prenda en plena campaña electoral. Polo de agora, Agromuralla xa convocou unha primeira protesta. Será unha marcha a pé ao redor da Ronda da Muralla de Lugo, o martes día 6 ao mediodía. O flagrante incumprimento da política de prezos pactada e o éxito da mobilización en Francia contribúen a aumentar a tensión.

Por M.V. | Lugo | 30/08/2016 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

Este colectivo de gandeiros foi o que liderou as protestas nesa provincia na anterior onda de mobilizacións. Extremadamente crítico coa labor dos sindicatos agrarios, Agromuralla reclama que se unan á marcha os consumidores e “todos aqueles que directa ou indirectamente” vivan do sector primario.  Xa lograron a adhesión da Organización de Produtores de Leite. Segundo informa Campo Galego, a OPL denuncia que o acordo que serviu para desconvocar as protestas do ano pasado non logrou subir os prezos.

Ademais do problema dos prezos ao produtor, os gandeiros poden comprobar de primeira man como numerosas cadeas de distribución están a violar o pacto de subir o prezo do leito nos expositores e de non usar o leite como reclamo comercial. Por exemplo, Agromuralla publicou este mes imaxes de venta de bricks de Feiraco a 0,49 euros. Outro exemplo, a cadea galega Gadis ofrecía esta fin de semana ofertas de leite de Campo Nuestro -a leite de marca blanca que lle subministra a luguesa Leite Río- a 57 céntimos.

Outro factor que podería contribuír a prender o lume das tratoradas, ademais da proximidade das eleccións autonómicas,  é o éxito dos gandeiros franceses. Os galos mobilizáronse este verán e lograron que un dos principais operadores Lactalis -que tamén é a empresa que máis recolle en Galicia- subira o prezo ao gandeiro en 1,5 céntimos.

Con todo, o certo é que no sector hai moito desánimo tras o desgaste das longas tratoradas, bloqueo de avenidas e hipermercados levados a cabo o ano pasado. Polo de agora, os resultados das mobilizacións son pequenos, máis alá dalgunha suba puntual. Todos os actores coinciden en que as axudas para a redución da produción anunciadas pola Xunta non serán eficaces.

Ademais, Agromuralla asegura que a maioría dos concellos tampouco está a colaborar. Así, indica que se dirixiu ao municipios do rural de Lugo para solicitar unha redución do IBI e outros beneficios ante a “situación catastrófica” do sector.

O colectivo denuncia que os alcaldes de Palas, Pontenova, Trabada e Barreiros foron os únicos que lles responderon. De Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Foz, Ribadeo, Mondoñedo, Pastoriza, Riotorto, Lourenza, Abadín, Meira, Outeiro de Rei, Vilalba, Guntín, Portomarín, Bóveda, Monforte, Sober, Carballedo, Chantada, Taboada, Paradela, Becerreá , Saviñao, Sobrado, Lugo, Corgo, Láncara, Páramo, Incio, Samos, Sarria e Pobra din que non recibiron contestación.

Tamén aseguran que levan meses detrás da Consellería de Medio Rural sen lograr obter unha xuntanza. E iso que outros axentes do sector acúsanos de ser próximos ao PP, algo que eles refutan. Este tira-puxa ideolóxico explica en parte que os principais sindicatos agrarios (Unións Agrarias, na órbita do PSdeG; SLG na órbita do nacionalismo e FRUGA na órbita do BNG) aínda non se sumaran a convocatoria do día 6 e, probablemente, nunca o fagan.

Agora ben, se a mobilización de Lugo é un éxito e o resto de gandeiros ve posibilidades de aproveitar a campaña para esixir o cumprimento do pactado, as tractoradas poden volver as rúas do país este outono.

Leite en oferta, marca blanca Campo Nuestro, nun Gadis en Santiago
Leite en oferta, marca blanca Campo Nuestro, nun Gadis en Santiago | Fonte: M.V.

Ticket de leite de Feiraco a 49 céntimos /Agromuralla Oferta de leite Campo Nuestro nun Gadis en Santiago/ M.V. Oferta de leite Campo Nuestro nun Gadis en Santiago/ M.V.
Ticket de leite de Feiraco a 49 céntimos /Agromuralla Oferta de leite Campo Nuestro nun Gadis en Santiago/ M.V. Oferta de leite Campo Nuestro nun Gadis en Santiago/ M.V.
Directiva de Agromuralla
Directiva de Agromuralla | Fonte: Revista Afriga Twitter
Os tractores rodearon a Muralla de Lugo convocados por Agromuralla
Os tractores rodearon a Muralla de Lugo convocados por Agromuralla | Fonte: Iria Palacios
Temas: LEITE AGRO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 5 comentarios

2 Dacolá

O lume nos montes e a presión aos gandeiros para que saian á rúa son a única esperanza da Marea e PSOE para tumbar a Feixóo. O BNG alomenos presenta un programa galego para solucionar os problemas forestal e leiteiro.

1 Ted Flanders

No se por qué os quejais...Teneis lo que votais!!! y gracias!!!

1 Albertito

Tes toda a razón.