Leiceaga acusa de "superficial e frívolo" a Feijóo e advirte dos "anuncios electoralistas" en precampaña

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de "mestre do mundo das aparencias, do teatro, do mundo superficial e frívolo" e criticou que o seu modo de resolver os problemas sexa "esquecéndoos". Ademais, advertiu que "de aquí ás eleccións" produciranse por parte do Goberno galego "novos anuncios electoralistas".

PONTEVEDRA | 30/08/2016 | Actualizada ás 20:10 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta de Galicia, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou o presidente do Executivo autonómico, Alberto Núñez Feijóo, de "mestre do mundo das aparencias, do teatro, do mundo superficial e frívolo" e criticou que o seu modo de resolver os problemas sexa "esquecéndoos". Ademais, advertiu que "de aquí ás eleccións" produciranse por parte do Goberno galego "novos anuncios electoralistas".

Este martes, na presentación en Pontevedra da lista do PSdeG por esta provincia, Leiceaga reprochou ao PPdeG que ten "na imaxe e a propaganda o seu centro de atención". Pola contra, asegurou que os integrantes da súa candidatura son "capaces de poñer as cousas a andar de verdade e actuar nos problemas de fondo".

Ademais, o socialista apuntou que dende que Feijóo está á fronte da Xunta en Galicia nacen 19.000 nenos menos, cada ano saen 5.000 inmigrantes da comunidade, destruíronse 150.000 empregos e reducíronse en 1.000 o número de camas e en 2.500 o de profesores.

O candidato socialista á Xunta puxo como exemplo da política de "exportar empresas e problemas" o caso do estaleiro Barreras e os proxectos previstos coa súa venda a Pemex. "Todo iso quedou en nada", sentenciou.

Leiceaga comprometeuse a "reverter estas cousas" e restaurar os servizos públicos "ao nivel de 2008", ademais de aplicar un plan de emprego que anualmente apoie as iniciativas de 10.000 mozos, un plan contra a pobreza infantil que free as "desigualdades" e impulsar a axuda á dependencia que "foi esquecida por Feijóo e agora a última hora vai poñer un remedio electoralista", engadiu.

25 DÍAS

Nos 25 días que faltan "para que se produza o cambio político en Galicia" e o PP "deixe paso a unha nova alternativa progresista" Xaquín Fernández Leiceaga destacou o "proxecto" do seu partido e o "equipo gañador" da lista de Pontevedra, os compoñentes da cal xuntan "experiencia e renovación" e proceden "de tódalas partes da provincia".

Con eles, o candidato socialista comprometeuse a "gobernar Galicia dun modo máis próximo, participativo e austero" fronte ao carácter "distante" de Núñez Feijóo, que "se esconde en Monte Pío", sinalou.

ABEL LOSADA

Neste sentido, o cabeza de lista por Pontevedra, Abel Losada, afirmou que "como presidente da Xunta", Leiceaga e os candidatos por esta provincia van comprometerse cos galegos", a "loitar para reverter" a situación na que o PPdeG deixa a Galicia e a "traballar e dar a cara defendendo a todos eses que Feijóo deixou na cuneta".

Losada queixouse de que o presidente da Xunta "non se preocupa máis que das contas que tiña que presentar en Madrid" fronte aos problemas dos gandeiros do Deza, a flota do cerco, o tecido industrial, as bolsas, o desemprego ou a sanidade.

Así, Abel Losada felicitou os socialistas de Pontevedra "por combater un segundo experimento privatizador" coa retirada do proxecto do novo hospital en Monte Carrasco para ampliar o hospital de Montecelo "100% público", algo que "lamentablemente en Vigo" non foron "capaces de ter".

"Vivimos as mentiras de Feijóo", censurou o cabeza de lista do PSdeG-PSOE por Pontevedra, ao rexeitar a "construción de mercadotecnia política de bo xestor" do candidato á reelección, "non para solucionar os problemas" de Galicia nin da provincia, senón a súa "proxección mediática en Madrid" a través do departamento de "publicidade e propaganda" da Xunta, concluíu.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta