Utiliza Feijóo a Xunta para facer anuncios electorais a menos dun mes do 25S?

O presidente galego xustifica varios acordos con sectores que viñan protestando nos últimos meses porque “agora o Goberno galego ten orzamentos e posibilidades” para axudalos.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 01/09/2016 | Actualizada ás 14:10

Comparte esta noticia

O Goberno galego acaba de chegar a un acordo cos profesionais contraincendios da Xunta para “profesionalizar” a súa situación e tamén cos mariñeiros que faenaron en barcos de Noruega e aos que este país non quere recoñecer a pensión de xubilación. Dous acordos que chegan a menos dun mes das eleccións galegas e que desde a oposición cualifican de electoralistas.

Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta
Feijóo na rolda de prensa do Consello da Xunta | Fonte: xunta.gal

Sen embargo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, xustificou estas medidas porque, agora, dixo, a Xunta dispón de máis “orzamentos” e, polo tanto, de “posibilidades”, para axudalos. Foi na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta tras preguntar GC o por que destes acordos cando estes sectores levan meses e anos pedindo axuda.

Así, destacou que a Xunta acordou darlle a categoría de bombeiros forestais aos 2.000 profesionais que traballan para Medio Rural e dixo que, agora, poderán optar a ser funcionarios. Ademais, destacou que aqueles que teñan máis de 60 anos pasarán a tarefas de prevención e que no seu lugar, para tarefas de loita contra o lume, serán contratados novos profesionais das listas de contratación. “Xa levabamos tempo falando na mesa de negociación e, por fin, agora, chegamos a un acordo que é moi interesante para os bombeiros tamén para a Xunta”, xustificou.

En relación aos mariñeiros afectados pola denegación da xubilación por parte de Noruega, tras botar anos traballando en buques coa bandeira deste país, o presidente galego anunciou que o seu goberno destinará 70.000 euros para sufragar os gastos que este colectivo teña a nivel xudicial, as viaxes que teñan que realizar a Noruega e para publicitar a súa problemática.

“Esas reivindicacións son xustas e razoables e se podemos botar unha man pois botarémola”, dixo en alusión aos mariñeiros, un colectivo de preto de 8.000 persoas aos que tanto o goberno como a xustiza Noruega lles teñen denegado a pensión de xubilación. “Eu xa falei co ministro e chegamos á conclusión de que non hai xa marxe de diálogo e que por iso hai que ir aos tribunais internacionais”, indicou Feijóo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 18 comentarios

1 Lume

Eu tamén quero ser funcionario para cobrar más, traballar menos e que non te poidan botar.

1 PApuxa

Telo doado: preséntate a un procedemento selectivo e aproba.

2 non son liberal

aí falaches, papuxa. En lugar de demandar unha mellor situación laboral para todos, a solución é acabar con algo que non debería ser un privilexio senón un dereito de todos