O 94% dos novos contratos son temporais

O número de persoas apuntadas no paro descende en Galicia, malia aumentar en España. Nun ano o paro caeu case o 10% pero as taxas de temporalidade son abrumadoras.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/09/2016 | Actualizada ás 11:09

Comparte esta noticia

O número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) baixou en Galicia en agosto en 2.412 persoas (un 1,23%) en relación co mes anterior, fronte ao aumento rexistrado no conxunto estatal (14.435 desempregados máis), segundo os datos que publica este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Ofician do Servicio Público de Emprego, onde se tramitan as axudas do paro, en Pontevedra
Ofician do Servicio Público de Emprego, onde se tramitan as axudas do paro, en Pontevedra | Fonte: Adrián Estévez wikimedia

En relación con agosto de 2015, a comunidade galega conta con 20.687 persoas menos en paro, o que supón un descenso do 9,68%, ata situar o total en 193.045 desempregados. En termos relativos, trátase do segundo maior descenso en variación mensual (solo por detrás da caída do 3,38% en La Rioja) e do oitavo maior en evolución anual.

En agosto, as catro provincias galegas rexistraron descensos na cifra de parados tanto respecto a xullo coma en comparación co mesmo período do ano anterior. En concreto, as maiores caídas intermensual e interanual en termos relativos déronse en Lugo (-2,54% e -10,65%, respectivamente).

Os demandantes de emprego en Galicia o oitavo mes do ano alcanzaron os 253.365, dos que 28.443 estaban ocupados, 17.590 indicaban na súa solicitude condicións especiais de traballo e os 207.332 restantes eran non ocupados. Estes últimos son 3.074 menos que os que se contabilizaron en xullo ( -1,46%) e 23.274 menos que o mesmo mes do anterior exercicio (-10,09%).

Por sexo, os desempregados galegos distribúense entre 107.431 mulleres e 85.614 homes, mentres que 8.941 teñen menos de 25 anos e os 184.104 restantes superan esa idade.

Sectores

En canto á actividade económica, os parados caeron en todas as ramas, sobre todo en servizos, con 1.043 persoas menos en desemprego, ata 124.324. Na construción reduciuse o paro en 838 persoas, ata 21.733; en industria caeu en 237, ata 23.354 e en agricultura en 212, ata 6.822.

Respecto ao colectivo sen emprego anterior, con 16.812 desempregados, 5.513 homes e 11.299 mulleres, son 82 menos que en xullo, e 3.618 teñen entre 30 e 44 anos.

Pola súa banda, o paro afecta a 9.573 estranxeiros, 200 menos que o mes anterior (-2,05%), 869 menos que un ano atrás (-8,32%). Por zona de orixe, 4.208 son comunitarios e 5.365 extracomunitarios. Un total de 5.150 inscríbense no sector servizos, 2.164 non tiveron emprego anterior, 824 son da agricultura, 823 da construción e 612 da industria.

Menos contratos

A contratación, non obstante, retrocedeu en agosto en Galicia en 11.978 sinaturas en relación con xullo (-12,04%), aínda que se subiu respecto ao mesmo mes de 2015, en 11.545 rúbricas (+15,2%).

Por tipo, a gran maioría, 82.540 son temporais, mentres que 4.969 son indefinidos --2.050 deles, de conversión--. É dicir, menos do 6%, o 5,62%, son indefinidos.

Caeron en variación mensual nas catro provincias, sobre todo en Pontevedra en termos relativos (-14,47%), e incrementáronse en todas en relación con agosto do ano pasado (sobre todo en Pontevedra tamén, cun 17,57% máis).

Os contratos indefinidos descenderon en 1.011 en comparación con xullo (un 16,91%), fronte ao crecemento interanual, con 1.087 documentos máis (+28%). Os temporais baixaron en 10.967 respecto ao mes anterior ( -11,73%), pero subiron en 10.458 en 12 meses (+14,51%).

Así as cousas, no acumulado, os contratos alcanzan os 616.463 na comunidade galega, 570.020 deles temporais (o 92,47% do total) e 46.443 indefinidos (o 7,53%).

Datos estatais

No conxunto estatal, o número de parados rexistrados nas oficinas dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) subiu en agosto en 14.435 persoas en relación co mes anterior, co que acaba cunha sucesión de cinco meses consecutivos á baixa.

Desta forma, a cifra total de parados rexistrados sitúase en 3.697.496 persoas, a menor cifra rexistrada nun mes de agosto dende 2009, segundo informou este venres o Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

Este incremento do paro en agosto é inferior ao rexistrado o mesmo mes do ano pasado (21.679 persoas) e á media dos últimos oito anos (46.029 persoas).

Cos últimos compases do verán, agosto é tradicionalmente un mal mes para o emprego. En todos os meses de agosto dende 2001 aumentou o paro rexistrado, salvo en 2013, cando se reduciu en 31 persoas.

Emprego resaltou que, en termos desestacionalizados, o paro baixou en agosto en 26.462 persoas. A variación mensual do paro desestacionalizado reduciuse en 39 dos últimos 40 meses.

No último ano o paro baixou en 370.459 persoas. Trátase, segundo Emprego, da maior redución interanual rexistrada nun mes de agosto de toda a serie histórica. A taxa interanual de redución do paro acelerouse no mes de agosto, alcanzando o 9,1%, o maior ritmo de descenso dende o ano 1999.

O paro rexistrado aumentou en agosto en practicamente todos os sectores económicos de procedencia dos traballadores. Así, nos Servizos subiu en 18.431 persoas (+0,75%), en Industria en 5.884 (+1,72%), e en Construción, en 3.548 persoas (+0,92%), mentres que entre o colectivo de persoas Sin Empleo Anterior o paro diminuíu en 7.410 persoas (-2,27%) e en Agricultura se reduciu en 6.018 persoas (-3,26%).

Así mesmo, o desemprego masculino situouse en 1.624.313 persoas ao subir en 7.592 (+0,47%) e o feminino en 2.073.183, ao incrementarse en 6.843 (+0,33%) en relación ao mes de xullo. Se se compara con agosto de 2015, o paro masculino baixou en 220.955 persoas (-11,97%) persoas e o feminino reduciuse en 149.504 (-6,73%).

Pola súa banda, o desemprego dos mozos menores de 25 anos caeu en agosto en 2.500 persoas (-0,87%) respecto ao mes anterior, mentres o paro de 25 e máis anos subiu en 16.935 (+0,50%).

Por rexións, o paro rexistrado baixou en seis comunidades autónomas, entre as que destacan: Galicia (-2.412), Canarias (-1.884) e Navarra (-707), ao tempo que subiu en once, encabezadas pola Comunidade Valenciana (+6.451) e Cataluña (+4.424).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta