O conto da unidade de mercado

De certo que moitas persoas ficarían pampas diante da adxudicación dos postos do polbo de San Froilán de Lugo a un “chiringuito financeiro” madrileño, sen experiencia hostaleira ningunha. Máis graves foron as adxudicacións dos servizos de comedores escolares a empresas andaluzas que non cumprían os mínimos níveis de calidade e fornecían xantares propios do Sur peninsular, desaquelados a respecto dos nosos costumes e necesidades. Por outra banda, son continuas as queixas a respecto da calidade e axeitamento da comida no Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, cando a alimentación dos doentes hospitalarios é parte do propio tratamento médico.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 04/09/2016

Comparte esta noticia

Subxace en todos estes casos a sacralización do único criterio do prezo, que beneficia as ofertas das empresas máis grandes e con mellor financiamento. Grandes empresas estatais ou multinacionais, con importantes vencellos cos operadores políticos, mediáticos e financeiros madrileños, que están a expulsar ou , polo menos, a subordinar ás empresas locais (as nosas, as galegas) que son as que achegan experiencia técnica  e coñecemento sectorial.

Baixo o pretexto de garantir a unidade de mercado o PP de Rajoy abusou da súa maioría absoluta para aprobar, na fin do 2013, unha lei “ad hoc” que impide ou dificulta en moi grande medida que a Xunta e os nosos concellos poidan priorizar na contratación administrativa e na regulación da actividade empresarial circunstancias ou requisitos que potencien a contratación de persoal local, que esixan requisitos ambientais ou de calidade propios de Galicia ou que tenten fomentar o tecido empresarial local.

Esta Lei de garantía da unidade de mercado (que estudou a eito a Profesora da USC Alba Nogueira, experta en Dereito Público), xunto con outras normas, como a de modernización dos gobernos locais, constitúen en realidade un mecanismo de recentralización que recurta substancialmente o autogoberno galego e local, ao tempo que fana as posibilidades dos Poderes galegos para reactivar a actividade económica  e o desenvolvemento sostíbel. Potenciando aos de fóra, mancan as nosas empresas e danan o noso benestar.

Miran moi ben o que lles convén e, para iso, contan os contos que lles cómpre.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.