Estamos en tempo morto

Pasado agosto, o mes máis estival do ano, e tamén o debate de investidura, entramos politicamente falando nun tempo de espera: entramos en tempo morto. Pois polo menos ate o 25 de setembro no que falarán os galegos e vascos, E todo o referido á investidura do goberno quedará publicamente paralizado.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 07/09/2016

Comparte esta noticia

A chegada á area política de novas forzas e a división dos votos que ate o momento se repartían maiormente  os que conformaban o  bipartidismo, non foi entendida como un tempo novo pola dereita conservadora que, amparándose no “mantra” de que son os que acadaron máis votos e gañaron nas últimas eleccións,  tratan de enlamar o terreo de xogo coa cantinela de que os deixen gobernar sen  ter que mollarse nin tocar as reformas negativas para o corpo social que, co pretexto da crise, aprobaron nos últimos catro anos.

Se nas primeiras eleccións a soberbia e o infantilismo de Podemos froito da súa ambición de querer acadar  utópicas metas, puxo pegas e impediu a chegada do sr. Sánchez a Moncloa e con elo a modificación dos puntos máis conflitivos da reforma laboral;  parar a lei de Educación e forzar   a rexeneración da dereita,  as segundas eleccións puxeron as cousas moito peor e agora  estamos onde estamos.

Con todo o acontecido, e despois das dúas votacións perdidas polo sr. Rajoy, as cousas toman unha nova dimensión e no taboleiro político entran en xogo factores novos. O primeiro é que Rajoy, aínda que pouco,  empeza a cuestionarse. E si cae Mariano a remodelación na dereita sería imparable. A segunda e que Sánchez pídelle responsabilidade as forzas que optan por  un cambio político alternativo ós populares. Pídelle flexibilidade para tentar buscar un acordo de mínimos que tería que contar cos cataláns e vascos cuestión sumamente difícil no caso dos primeiros, pois o asunto do referendo dificilmente pode ser parado coa promesa dunha modificación constitucional que recolla parte das reivindicación nacionais de Catalunya.
En fin, entre estas e outras cousas, están as eleccións galegas e vascas  onde os populares poden saír tocados se non acadan  a maioría absoluta no Horreo e  non son precisos para gobernar en euskadi. Cuestión difícil a que teñen,  pero que pode acontecer. Pois o candidato Feijoo en Galicia nada ten que ofertar despois de oito anos en San Caetano. A súa presidencia nestes oito anos  pasou con máis pena que gloria nunha Xunta  que camiña errada  e sen resolver ningún problema dos importantes que ten a nosa terra, dado que  os lumes seguen igual que antano; a emigración dos mozos é un feito por non teren traballo; a desertización humana do rural unha triste realidade e así moitas cousas máis.

Polo tanto estamos nun tempo morto. Estamos nun tempo de espera ate ver  o que aconteza o 25, dado que podería  axudar a desfacer o asunto da interinidade dun presidente que, aínda en funcións, segue a facer das súas. Segue facendo falcatruadas,  pois ou non entende á sociedade ou  quere facernos  parvos a todos. Pois sigue dando un exemplo de pouco interese en rexenerar a vida política dun partido enlamado na corrupción.  Segue tentado de nos convencer  que a decisión de propoñer ó ex ministro Soria para un cargo importante no banco mundial, foi un concurso de funcionarios do que él nada sabía.  En fin, todo  indica que tenta non deixar no paro a ningún ex do seu goberno.  Polo  que, cada día que pasa a súa  credibilidade  e a dos seus  amosa unha gran carencia de ética política. E así estamos señores: estamos en tempo morto ate o 25 do mes que andamos, e  logo xa veremos que acontece.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com