Investigadores galegos participan na avaliación dos recursos pesqueiros do banco de Porcupine

Científicos do Instituto Español de Oceanografía sairán do porto de Vigo coa misión de estudar o estado das poboacións de pescada, rapante, rape e lagostino, principalmente.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 07/09/2016 | Actualizada ás 11:32

Comparte esta noticia

O buque oceanográfico Vizconde de Eza, pertencente á Secretaría Xeral do Mar (MAGRAMA), sairá do porto de Vigo este sábado 10 de setembro para realizar a campaña de investigación Porcupine 2016, que se prolongará ata o 13 de outubro. A campaña, organizada polo Instituto Español de Oceanografía (IEO) e cofinanciada pola UE, realízase por décimo sexto ano consecutivo e está dirixida á avaliación directa dos recursos pesqueiros demersais explotados pola frota española no banco de Porcupine, ao oeste de Irlanda, cubrindo as zonas do ICES VIIc e VIIk.

Buque oceanográfico 'Vizconde de Eza'
Buque oceanográfico 'Vizconde de Eza' | Fonte: IEO.

O obxectivo principal desta campaña é o estudo do estado das poboacións de pescada, rapante, rape e lagostino, principalmente, pero tamén do resto de especies deste banco. Os resultados da campaña permitirán coñecer a súa evolución con respecto aos anos anteriores.

O banco de Porcupine forma parte da zona de pesca coloquialmente coñecida como Gran Sol, aínda que realmente sitúase ao noroeste deste banco de pesca e forma parte dos caladoiros tradicionais da frota española.

Durante a campaña realizaranse unhas 80 pescas, a profundidades entre 180 e 800 metros, e que cubrirán de forma uniforme a área a estudar. Ademais de estimar os índices de abundancia das especies comerciais explotadas na zona, recolleranse mostras para estudar o crecemento, a reprodución e outros aspectos biolóxicos das mesmas, así como información sobre a distribución de todas as especies demersais na zona.

Ademais, durante a campaña recolleranse datos hidrográficos das masas de auga que cobren o banco de Porcupine para estudar as súas condicións oceanográficas e a súa influencia na distribución e abundancia das especies, así como mostras de tipos de fondo en distintas zonas do banco.

Con toda esta información investigaranse os parámetros determinantes na distribución tanto das especies comerciais como das comunidades en que habitan na zona, permitindo avanzar e proporcionar datos necesarios para a xestión ecosistémica da pesca.

O equipo científico, dirixido polo investigador Francisco Baldó do Centro Oceanográfico de Cádiz, estará composto por 19 investigadores e técnicos dos centros do IEO na Coruña, Santander, Xixón, Vigo, Baleares, Murcia e Cádiz, así como por un observador irlandés. Esta campaña forma parte do proxecto de investigación ERDEM4 (Avaliación de Recursos Demersales), cuxo investigador principal é Francisco Velasco, investigador do Centro Oceanográfico de Santander.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta