Comparte esta noticia

Pasado o necesario tempo das primeiras condolencias, cada vez son máis as voces que reclaman unha investigación do accidente do Porriño. Voces que lembran que o organismo de seguridade ferroviaria da Unión Europea determinou que o Estado non investigara con obxectividade Angrois, a outra recente traxedia nos trens galegos.

Persoal de emerxencias atende aos feridos do tren descarrilado no Porriño
Persoal de emerxencias atende aos feridos do tren descarrilado no Porriño | Fonte: vigoalminuto

Beiras carga contra o estado das vías e pide menos hipocresía

Un dos primeiros de falar neste sentido foi Xosé Manuel Beiras. O voceiro de ANOVA reclamou “non esquecer como se lle deus por saco ás vítimas de Angrois, mesmo Ana Pastor antes de ser presidenta do Congreso”. Pastor era a responsábel de Fomento e fixo todo o posíbel por dificultar e impider que o crítico ditame de Bruxelas fose público. Beiras reclama “menos hipocresía” dos mandatarios e lembra que “levamos decenios dicindo que hai culpábeis da situación ferroviaria”.

O BNG reclaman unha investigación diferente da de Angrois

O BNG do Porriño tamén reclama que unha comisión de peritos "independentes" esclareza as causas do accidente ferroviario acontecido o venres á entrada da estación deste municipio pontevedrés, no que morreron catro persoas e 47 resultaron feridas. Os nacionalistas reclaman que un órgano "independente" sexa que realice a investigación ao considerar que a Comisión de Accidentes Ferroviarios (CIAF) integrada por peritos de Adif e Renfe, "non ofrece imparcialidade" como "xa se demostrou en Angrois".

Eva García, alcaldesa do Porriño
Eva García, alcaldesa do Porriño | Fonte: vigoalminuto

A canto dedía circular ese tren?

Outro aspecto polémico é a velocidade do tren. Parece que nos últimos tempos aumentouse o límite no tramo do accidente. "Censuramos e denunciamos os traballos de mellora que provocaron o aumento da velocidade do paso por O Porriño", manifestou a formación nacionalista que esixe "a retirada total" deste paso.

Pola súa banda, a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre (PSdeG), asegurou este sábado que os ferrocarrís non pasan pola localidade a 30 quilómetros por hora, como se informara nun primeiro momento: "Non é certo que, polo Porriño, o tren teña que pasar a 30 quilómetros por hora, porque (os trens) non pasan a esa velocidade".

En declaracións aos medios fronte á estación de tren do municipio, a rexedora explicou que se estaban efectuando obras de mantemento na vía para que este convoi non chegase tan lento a destino. De feito, precisou que en Portugal se recondicionou e electrificou toda a vía para conseguir unha maior velocidade, obxectivo que se logrou, pois se reduciu en 45 minutos o traxecto. Agora, engadiu, na parte española estaba a facerse o mesmo.

Respecto diso, Eva García mostrouse partidaria de expor outras hipóteses coma se a sinalización era "suficiente" ou se o maquinista recibira a información de que tiña que reducir a velocidade nese tramo, desde que punto debía facelo e se había sinais que así llo indicasen.

Neste sentido, afirmou que faleceu "alguén que estaba a facer o seu traballo", que levaba "moito tempo facéndoo" e que "estaba preparado para entrar no pobo a unha velocidade determinada". Por iso, considera que é necesario saber se a información da que dispoñía o maquinista era "adecuada" para que o sinistro non se producise. "Esperar que a investigación avance para buscar responsabilidades", apostilou respecto diso.

Cuestionada sobre as obras que se realizaron na vía para que o convoi puidese pasar máis rápido, precisou que despois delas houbo incidentes no paso a nivel situado no centro da localidade. "O que pasaba é que non baixaban as barreiras: pasaba o tren a toda velocidade e baixábanse dúas barreiras e unha non", narrou a alcaldesa, quen asegurou que, aínda que "Adif dicía que o tren pasaba a menos velocidade", hai vídeos e fotografías que proban o contrario.

Os traballadores tamén reclaman unha investigación

Os representantes dos comités de Renfe e Adif da provincia de Pontevedra realizaron cinco minutos de silencio ás 11,30 horas deste sábado na estación de Vigo-Guixar en memoria das vítimas do accidente de tren do Porriño no que faleceron catro persoas e houbo 48 feridos.

En declaracións aos medios, o secretario do comité de Renfe en Pontevedra, Sergio Lloves, mostrou a "indignación" dos seus compañeiros por un sinistro que "non tería que pasar". "Estamos cansados de que estas cousas sucedan", lamentou. Respecto diso, explicou que "as familias están moi amoladas", "fatal", pois "son cousas que non deben de pasar". Os asalariados esperan que se esclarezan as causas do accidente para que non se volvan a repetir sucesos como este, á vez que os comités de empresa de Renfe e Adif defende un ferrocarril público, seguro e de calidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Fangio

Pregunta: Se un automobilista colle unha curva na que hai unha sinal de 50, derrapa e mata a dous, de quen é a culpa? Resposta: De Feijoo.

1 Kalquera

Se temos un índice de sinistros ferroviarios equiparable a paìses do terceiro mundo...se vemos como mexan por nos e dicimos que chove, de quen é a culpa