Temas: GOOGLE

Google busca estudantes en Galicia

O xigante tecnolóxico quere impulsar a dixitalización das pemes. Ofrece formación e axudará ás empresas a posicionarse en internet.

Por GC Emprende | Vigo | 12/09/2016 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Trasladar o talento das e dos universitarios á contorna e poñer en valor os seus coñecementos para axudar ao tecido empresarial a optimizar a súa presenza no mundo dixital. Con este obxectivo Google puxo en marcha o proxecto Activa tu ciudad, unha iniciativa na que agora se implica a Universidade de Vigo na procura de estudantes dispostos a colaborar na dixitalización das pemes galegas.

Rafael Sánchez (Responsable de Negocio de Google for Work) na presentación de Google for Work en Santiago
Rafael Sánchez (Responsable de Negocio de Google for Work) na presentación de Google for Work en Santiago

O alumnado que se inscriba neste programa recibirá formación presencial e en liña entre outubro e decembro, o que lles permitirá mellorar as súas competencias dixitais mentres acompañan ás pemes nos seus primeiros pasos no mundo dixital. Así, en función dos seus avances, os participantes sumarán puntos e accederán a premios e recompensas, como insignias para compartir en redes sociais ou sesións en liña para mellorar o seu perfil profesional e coñecer novas oportunidades laborais. Ademais, os que axuden a un maior número de pemes poderán viaxar ás sedes de Google en Mountain View (California) e Dublín.

Esta semana, presentación no campus

Para dar a coñecer esta iniciativa e buscar estudantes interesados, esta semana instalarase no Centro Comercial de Cidade Universitaria un posto informativo que se poderá visitar os días 14 e 15. Nel, os alumnos e alumnas que queiran participar poderán rexistrarse e coñecer as condicións, ademais de probar o xogo de realidade virtual de Activa tu Ciudad. A inscrición tamén se poderá formalizar a través da web activatuciudad.withgoogle.com ata o 2 de outubro.

Dous días despois, o 4 de outubro, terá lugar no campus de Vigo unha xornada gratuíta sobre marketing local para pemes e habilidades de liderado e comunicación que será ofrecida por Google. Xa a partir do 2 de novembro e ata o 31 de decembro, os participantes poderán ofrecer mentorías personalizadas e de balde ás empresas da contorna, así como apoialas na creación do seu primeiro perfil en Google My Business, un produto gratuíto para aparecer nas buscas e os mapas de Google. Para isto crearanse equipos de tres persoas, dos que poden formar parte tanto estudantes actuais como titulados que rematasen os seus estudos nos últimos tres anos, así como un docente por grupo.

Ata agora, esta iniciativa xa se puxo en marcha en seis cidades españolas, contando coa participación de máis de 300 estudantes que conseguiron impulsar a presenza de máis de 4000 pemes en internet.

Temas: GOOGLE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta