Entre merengues e cumbias

A piques de rematar o verán e celebrar que o mellor apagador de lumes do mundo mundial, a choiva, viñera a poñerlle fin a tantos incendios que arrasaron milleiros de hectáreas; e cando non remataron moitas festas populares e tradicionais, entramos de cheo na campaña electoral das eleccións galegas. Campaña que, segundo parece, volve caendo no erro de sempre, pois esquecemos sacar á luz as promesas incumpridas para fixarnos soamente en novas promesas que, na maioría dos casos, soamente son fume electoral.

Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 15/09/2016

Comparte esta noticia

Pero, de todas as maneiras estamos en campaña e todo  indica que temos memoria moi fráxil; que somos brandos á hora de castigar e que, no fondo, somos partícipes dunha comedia que prefire prometer felicidade e nunca sacrificios nin esixencias: que promete obviar o pasado recente e non  pasar factura polo non solucionado.

Isto que afirmo e que leva acontecendo dende a  chegada da democracia,  lévame a unha reflexión que resumiría nunha frase popular: pan para hoxe e fame para mañá. Ou si o prefiren vivir o presente que o futuro enfrontarémolo como poidamos.

Pero esta forma de pensar, que día a día vai calando en partes moi importantes da nosa sociedade, está reforzada por certos medios audiovisuais públicos que o fomentan intencionadamente. Vivir a vida, xogar, divertirse, non pensar no futuro parece estar de moda. E para acadar tal obxectivo dende a pequena pantalla obvian intencionadamente os problemas graves e anacrónicos que ten esta sociedade. Así  quitan a cámara á rúa e enchen as catro provincias de transmisións de festas, moitas con musica enlatada ou pregravada,  onde se come a estoupar, e a golpe de cumbia e merengue e mozas movendo as cadeira, bailamos ate o cansazo ou mirámolas con cara de papanatas. Desta maneira esquecemos a situación grave do paro, da emigración forzosa dos nosos mozos, do despoboamento do rural, da caída demográfica, da precariedade do emprego, dos lumes que arrasan o país, etc. Claro, e  como non pasamos factura e esquecemos todo o ouro e felicidade prometida na anterior campaña,  repetimos nas urnas facendo bo o dito: mellor malo coñecido que bo por coñecer. Ou se o prefiren: todos che son iguais polo que non me movo.

Este podería ser o retrato dunha sociedade que vexo irreflexiva,  case inmadura, que renunciou a gañar un futuro mellor para os seus descendentes.

Tristeiro futuro lle espera a nosa sociedade. Tristeiro e incerto porvir que pasa pola emigración da xeración de mozos e mozas mellor preparada: tristeira situación na  que  os seus dirixentes políticos do poder  viven cómodos na poltrona e que so fan seguir os ditados que emanan de Xénova e outros lugares da  metrópole para asistir ó desmantelamento dunha terra e especialmente unha provincia,  que maiormente vive no ir tirando entre cumbias e meregues  que actúan de calmantes para amainar a dor de enfermidades cónicas que son os problemas que temos como comunidade social.

E digo, é para iso temos un medio audiovisual público costeado cos cartos de todos? Un medio que prioriza unha programación lúdica e chocalleira para aparvarnos máis a todos. Non o entendo. Non teño  nada contras as festas populares e tradicionais, pero neste país  hai máis cousas que festas e música barata para encher a programación diaria.

En fin, estamos en campaña, e debemos quitarnos o velo e analizar o feito, o prometido  e   o incumprido,  pensar e logo actuar: que na  vida non todo son bailes, comerotas e cuestións  de divertimento.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Manuel Herminio Iglesias Natural de Seixalbo, concello de Ourense 1949. Diplomado en Maxisterio (Ciencia Humanas) e Música. Comprometido coa labor social, cultural e política, fundou diversas asociacións. Foi, dende xuño do 2009 ate xuño de 2011 concelleiro de Infraestruturas, Mobilidade e Perímetro Rural no concello de Ourense. Preside dende o ano 1997 a Asociación Cultural Agromadas. www seixalbo.com