O documental do castro de San Lourenzo, un ben común na Ribeira Sacra

Manuel Gago e Xurxo Ayán presentan o documental sobre a campaña arqueolóxica que se está a levar a cabo na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón (Lugo).

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 14/09/2016 | Actualizada ás 12:54

Comparte esta noticia

'As pedras de San Lourenzo' é un documental de Manuel Gago —profesor de Xornalismo na Universidade de Santiago— sobre o proxecto arqueolóxico do Castro de San Lourenzo, que dirixe Xurxo Ayán, investigador do CSIC e colaborador de GC. O documental é unha aproximación á primeira campaña que se fixo neste enclave, na parroquia de Cereixa, na Pobra do Brollón (Lugo), que comezou este verán.

Vista área do Castro d’Alende ou San Lourenzo, na parroquia de San Pedro de Cereixa, en Pobra de Brollón, Lugo
Vista área do Castro d’Alende ou San Lourenzo, na parroquia de San Pedro de Cereixa, en Pobra de Brollón, Lugo | Fonte: sanlourenzo.net.

Para a súa realización, Gago contou coa colaboración de Sole Felloza na fotografía, e do equipo arqueolóxico do proxecto. O guión é do propio Gago e de Xurxo Ayán.

Trátase dun documental arqueolóxico, pero "sobre todo é un documental de vidas" que "non fica no científico senón que se adentra en como o patrimonio está gravado ou vinculado aos sentimentos das persoas: ás súas vidas, ás súas esperanzas, ás súas memorias. Quen vexa 'As pedras de San Lourenzo' poderá ver como o patrimonio só ten sentido cando é vivido, cando é apropiado, cando acaba por formar parte dun. Arqueoloxía e emoción. Dous conceptos próximos. Por que non?", explica Manuel Gago no seu blog

Os responsables do proxecto consideran o Castro d’Alende ou de San Lourenzo un ben común da Ribeira Sacra con catro valores fundamentais: un histórico, xa que o castro foi construído polos romanos para traballar as importantes explotacións auríferas e férreas da zona e dominar as comunicacións; outro patrimonial, pois no contexto da candidatura a Patrimonio da Humanidade da Ribeira Sacra, o castro demostra a capacidade da sociedade civil por apostar polo patrimonio cultural; por outro medioambiental, xa que con este proxecto se pretende recuperar unha lagoa xenerada a partir das canteiras do século XX e hoxe convertida en refuxio de aves migratorias, e por último, turístico, pois o Camiño de Inverno a Compostela pasa a rentes do castro, polo que os responsables do proxecto buscan crear un recurso de primeiro valor para un importante itinerario turístico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta