O maquinista podería non ter sabido que había obras nas vías do Porriño o día do accidente

Comboios de Portugal quere saber as “circunstancias das obras” que provocaron o sinistro e amosa a súa sopresa porque o TSXG divulge información sobre o descarrilamento do tren.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/09/2016 | Actualizada ás 11:39

Comparte esta noticia

As causas do accidente do tren Celta no límite entre os concellos do Porriño e Mos seguen sendo un misterio, aínda que a principal hipótese apunta a unha excesiva velocidade do maquinista ao entrar na estación do Porriño, que se atopaba en obras. Pero, precisamente esa circunstancia, pode supoñer a apertura de novas investigacións.

Accidente de tren no Porriño
Accidente de tren no Porriño | Fonte: Europa Press.

A velocidade permitida nas liñas principais é de 120 quilómetros/hora, mais a zona da estación de tren do Porriño, estaba en obras de mantemento o venres pasado, o que obrigou o desvío para unha liña secundaria, limitada a 30 qm/hora. A CP e a Renfe operan conxuntamente a liña Vigo-Porto desde 2011 e responsables de ambas as empresas aseguraron que o tren tivera unha revisión recentemente.

As caixas negras recuperadas gravan as velocidades do tren, as distancias e os sinais que recibiu, mais non gravan sons nin conversacións na cabina do maquinista. Por iso, a empresa de trens portuguesa, Comboios de Portugal (CP), subliña que "hai outras compoñentes que non son relativas só á caixa negra do tren, que teñen que ser analizadas, nomeadamente a circunstancia das obras".

De feito, unha fonte ligada ao proceso referiu ao xornal Público que o desvío de vías non existía na véspera do accidente. Isto indicaría que esas obras se puxeron en marcha o mesmo día do sinistro e que non aparecerían nos cadrantes de ordes entregadas ao maquinista. Esta é unha das hipóteses que manexa CP, ademais da do exceso de velocidade.

Estrañeza da CP pola divulgación de información

Ademais, CP amosouse estrañado e molesto pola divulgación de informacións por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o descarrilamento do tren. En declaracións ao xornal Público, a voceira de Comboios de Portugal, Ana Portela, reiterou que a empresa, "tal como anunciou o día do accidente, só comentará as circunstancias e as causas do accidente tras a conclusión dos varias enquisas en curso", nomeadamente de Renfe e da propia CP, da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios española e das autoridades xudiciais.

CP amosouse a súa sorpresa porque o TSXG anunciara que o tren seguía a 118 quilómetros/hora nunha vía secundaria con límite de velocidade fixado nos 30 quilómetros/hora e o maquinista recibiu diversos avisos para abrandar. "Parécenos estrañas estas declaracións individuais, que se pretenden anticipar ás conclusións dos traballos en curso. As enquisas aínda non están concluídos", referiu a mesma fonte da CP.

O tren descarrilou ás 09h25 de venres, con máis de 60 pasaxeiros e tripulación a bordo. O maquinista, portugués, e outros dous membros da tripulación, ambos os dous galegos, morreron no accidente, así como un turista norteamericano. Cerca de medio cento de pasaxeiros ficaron feridos no accidente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta