Temas: ANA PONTóN BNG

Ana Pontón: “O máis revolucionario que se pode ser en Galicia é ser nacionalista”

A líder do BNG destaca nesta entrevista a importancia que o nacionalismo segue a ter en Galicia como “aconteceu na transición, nos anos oitenta, noventa ou na década pasada”. Suliña que, a pesar de ser unha campaña austera, os apoios ao Bloque medran día a día. Aclara que se Feijóo non acada a maioría absoluta falará co PSdeG e as Mareas e critica a Feijóo por fuxir e ocultarse dos debates.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/09/2016 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Antes de nada. Un pracer poder entrevistarte porque semella que había problemas para que o GC puidera entrevistar a algún dos dirixentes do teu partido...
Eu creo que comigo nunca tiveches problema. Non podo falar por outros.

Ana Pontón, líder do BNG
Ana Pontón, líder do BNG | Fonte: EP

Xa. É certo. E por iso digo que é un pracer. É a primeira vez que o BNG ten unha candidata á Xunta muller, xa ía sendo hora, non?
Pois o feito de que, por primeira vez, unha organización política aposte por unha muller para ser candidata é unha denuncia da desigualdade e das dificultades que existen para a participación das mulleres en moitos ámbitos. Por iso alégrome de que sexa o BNG quen teña dado ese paso. Que sexa o nacionalismo, que sempre foi catalizador das reivindicacións da cidadanía, tal e como o estamos demostrando nesta campaña.

E como a estás levando?
Pois moi ben. Estamos facendo unha campaña na que medra o optimismo e a confianza e hai moita xente botando unha man. E iso é unha base sólida sobre a que medrar.

Semella que estades facendo máis con menos medios. E iso como é?
Pois botándolle máis ilusión. É unha campaña austera por recursos, pero estamos poñendo en valor a creatividade con moito traballo de persoas anónimas. O BNG demostra que confiando nas nosas propias forzas, todo é posible. Se confiaramos máis nas posibilidades do pais, pois estariamos en mellor situación para afrontar retos que temos por diante.

Entón iso significa que antes se tiraba o diñeiro?
Non. Non creo que esa sexa a clave, nin a pregunta. Hai momentos diferentes e, ante dificultades novas, pois hai que tirar de enxeño.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG | Fonte: bng.gal

Cales son os eixos da campaña?
Unha campaña en positivo na que temos moi claro que a base para que os galegos e galegas saiamos adiante é tomar o control dos nosos recursos, enerxía, riqueza, aforro... Ter elementos para desenvolver políticas propias no país porque, en definitiva, cremos que durante estes anos quen errou non foron as persoas, senón os gobernos. Por iso temos que dar un paso adiante para que confíen nas nosas propias forzas.

Entendo que nas forzas nacionalistas?
O BNG ten un proxecto de país, alternativo, para modernizar Galicia. Está claro que a nefasta xestión de Feijóo tamén puxo de manifesto que non temos os recursos suficientes para facer unha política a prol dos galegos e, por iso, é importante avanzar no poder político de Galiza. Temos que confiar nesa idea de pensar e mirar en clave de país. Non é normal que os nosos sectores produtivos vaian a pique ou os mellores cerebros emigren. Se actuamos en clave de país imos dar un pase adiante moi importante.

As enquisas apuntan a unha importante baixada do BNG e mesmo sinalan a que non teredes grupo parlamentario?
As enquisas son enquisas. E en campaña electoral pois son un elemento importante para incidir no voto. As persoas cando vaian a votar o 25S teñen que pensar nas propostas e non como lle intentan modular ou desmotivar á hora de votar. Pero falando de enquisas, tamén hai datos curiosos. Nalgunhas delas a min, antes do debate na CRTVG, dábanme un 45% nivel de coñecemento e, despois del, un 35%. Aí falla algo, está claro. A enquisa que vale é a do 25S. E espero que sexa a enquisa que poña a Feijóo na oposición.

Con todo, en todas as publicadas apuntan a unha baixada importante do BNG?
Cando os galegos falen na urna, falaremos. Agora facer especulacións non ten sentido. O BNG en campaña está subindo. Estamos ilusionando a moitas persoas e facendo que se nos escoite e cun proxecto renovado, sólido e con experiencia. Logo xa aceptaremos o resultado das urnas cun sorriso na boca.

Semella entón que o nacionalismo xa non está de moda, por que?
Non vexo a política como moda, senón como unha chave para facer avanzar á sociedade galega. O máis revolucionario que se pode ser en Galicia é ser nacionalista. Así aconteceu na transición, nos anos oitenta, noventa, na década pasada e agora.

Pero o BNG leva perdendo apoios e votos elección tras elección. Que pasa?
Isto non só afecta ao nacionalismo. Agora abrimos xa unha etapa nova que se percibe nestes comicios e teño a seguridade de que estamos facendo algo importante para que o nacionalismo sexa un referente no país.

En todo caso, influíron as divisións internas dos últimos anos?
O que influíu foi a demonización que do Estado fai dos movementos nacionalista porque hai un movemento conservador que ten moito peso. O que nós queremos é abrir unha democracia real sen ter que pedir permiso a ninguén e facelo por nós mesmos para facer un mundo xusto.

E como hai tan mala relación con quen ata hai ben pouco era compañeiro de partido?
Non teño relación persoal negativa con ningunha persoa. Políticamente defendemos proxectos diferentes. Nós temos un proxecto nacionalista e de futuro para este país e que sometemos á consideración dos galegos que serán os que decidan co seu voto que proxecto queren. Non imos repetir a decepción das forzas estatais. Preocúpame a irresponsabilidade de PSOE e Podemos que dixeron que había que derrotar a dereita e logo entraron nun xogo de tronos que serviu para resucitar a un cadáver político que era Rajoy. Por iso os galegos que están asqueados deste espectáculo agardamos que voten BNG.

Sen embargo, é probable que se Feijóo non ten a maioría absoluta te teñas que entender cos socialistas, os podemitas e as mareas?
Eu isto xo levo dicindo toda a campaña. Eu estou de acordo. Quen deciden os pactos son os cidadáns cos seus votos e se optan porque non haxa maioría absoluta do PP, pois o BNG vaise sentar a falar co resto de forzas políticas para que haxa un cambio de políticas. Que haxa un cambio real. Non se trata de cambios cosméticos, senón de falar de que cousas que  queremos cambiar na Xunta e nos dereitos dos cidadáns se así o deciden.

Con quen te entenderías mellor, con Leiceaga ou con Villares?
É como se me preguntas se me gusta máis papá ou mamá. Eu entendereime cuns e outros sempre qur avancen nun programa político e defendan os intereses galegos. O BNG ten chegado a acordo de gobernos co PSOE e coas mareas. Facilitou gobernos das mareas e, curiosamente, en Pontevedra, non se deu esa correspondencia. Por iso, tamén haberá que preguntarlles a eles.

Por certo, semella que o BNG ten máis visibilidade mediatica nesta campaña?
Eu creo que temos visibilidade igual que noutros proceso electorais. Non vexo que haxa máis ou menos espazo. O que nos deu moita visibilidade foi poder debater sen filtros no debate da CRTVG. E desde o luns temos a Feijóo fuxido dos debates. Gustaríame que se puidera debater máis e ter outro. Eu acepto calquera formato ou un cara a cara con Feijóo. Porque o que nos está demostrando ao non aceptalos é que cando perde se retira do mapa de xogo. Estou convencida de que moitos galegos están pedindo ese novo debate. Axudaría a ter maior coñecemento e iso fortalecería a democracia. Eu estou agardando a resposta de Feijó.

E porque cres que non se ten mantido o debate na TVE a pesar de que non vaia Feijóo, ou de que Vía V tampouco insista en facelo?
Os debates deberían ser obrigatorios por lei. Nós propuxémolo e porémolo na lei electoral se podemos. Hai que respectar os debates e cando un é un fuxitivo dos debates pois tiña que ter unha resposta legal. Porque é moi fácil ser un candidato de plasma.

En todo caso, eu vexo que o BNG está sendo mellor tratado nesta campaña que noutras e por medios que eran tradicionais hostís...
Que nos tratan ben?, ti cres?

Eu se o comparo con outras campañas, penso que si.  E é unha impresión que teñen outros xornalistas.
Non creo que haxa trato de privilexio cara ao BNG. Será acorde co que decidan e, con todo, a nós parécenos pouco. E non creo que ninguén poida facer un diagnóstico. Creo que neste país o que hai que facer é avanzar nos medios públicos en respecto á pluralidade política que brillou pola súa ausencia nesta lexislatura de Feijóo.

Algo no se sempre insisto. Que vai facer o BNG coas axudas aos medios se chega ao goberno da Xunta?
Nós defendemos que haxa unha lei que regule a publicidade institucional, con criterios públicos e claros e que se vinculen co respecto á pluralidade, promoción galego, igualdade e unhas condicións laborais máis xustas para traballadores dos medios.

Estás facendo unha campaña intensa e creativa. Que resultados cres que che vai reportar?
Os mellores posibles. E se o 25S Galiza ten unha muller presidenta pois sería positivo e avanzariamos en políticas para mellorar a calidade de vida, ter igualdade real, máis traballo digno e prosperidade.

Pois que teñas moita sorte...
Que teñas votos...

Ana Pontón nun mitin en Cambados
Ana Pontón nun mitin en Cambados | Fonte: bng.gal
Temas: ANA PONTóN BNG
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 54 comentarios

25 Gose Manuel

E o lugar de honra, a última entrevista, para....o Partido Popular. Para que logo digan que publicar entrevistas a Baltar sen posibilidade de facer comentarios non ten os seus aspectos positivos. Aínda que claro, vendo os siderais follóns que se traen nacionalistas, socialistas, upegallos e podemitas, talvez sexa a solución máis diplomática e menos conflitiva.

24 Purreles

O menos revolucionario que se pode facer en Galiza e facer unha campaña-dumping. A sobre-representación dun candidato nº1 dunha provincia galega polo BNG, nas radios e prensa de dereitas, só pode entenderse por un "dopaxe" propagandístico. Tanta cuña de radio, tanta foto por aqui e por alá, tanta páxina... Todo isto en ben caro a prezo real, e como é natural, hai organizacións nacionalistas que tal dispendio non poden financialo con simples cotas de campaña. Todo un problema ético.

23 CeltasBereberes

Na miña casa estamos ca profesional(e a mellor pra rascar un soldinho cada 4anos mais os cartiños do estado pro partido), esperamos que cos nosos votos nacionalistas pacte cos españolistas do psoe e marea, para que o poder de decisión vaia para Sanchez e Iglesias en Madrid, e demostrar que somos os mais galegos como o Gadis.

1 Sanatorio_de_Conxo

Na túa casa o que están e extrañándote, volve rapaz!

2 CeltasBereberes

Di o que queiras, pero os do bloque imos viver coma reis, chupando do estado ejpañol e dos ghalleghos, mentres ti tes que buscar a maneira de paghar a segurida social mais as débedas de ir de guay estes anos pasados, ou emigrar e seguir de guay aparentando ser un serebro fughado.

3 Sanatorio de Conxo

Oes, mourogodo, tes as cifras da débeda que deixaron no bipartito?....Non era de 3000 millóns?, ben, pois agora son 10000 millóns; e viches algo ti , "serebro fughado", deles investidos no país?....Pois iso, para casiña rapaz?

22 Ghaiteira

Na miña casa desta vez estamos con Ana!

21 bautista do unto

Especialmente se che da para vivir toda a vida sen traballar, como Ana Poltrona, Jorquera, Bieito Lobeira, etc