Marisol Díaz: “Feijóo administrou ben o pouco diñeiro que había nos momentos da crise”

A candidata do PP por Ourense salienta nesta entrevista a importancia que ten unha nova vitoria do PP para consolidar as políticas postas en marcha por Feijóo na Xunta. Destaca a importancia de Ourense para cimentar esta vitoria e insiste, sobre todo, na xestión que os populares teñen feito nestes anos de crise.

Por Xurxo Salgado | Ourense | 23/09/2016 | Actualizada ás 14:40

Comparte esta noticia

Es a única muller que lideras unha candidatura no PPdeG. Estarás orgullosa?
Estou orgullosa de representar a un equipo de persoas, sen distincións, porque entendo que cada un ten o seu valor e pode facer a súa aportación, por iso está na candidatura. Con todo recoñezo que como muller é unha achega moi importante cara a igualdade, aspecto no que en moitos ámbitos da sociedade aínda queda por facer. Por iso considero enormemente positiva a mensaxe que coa miña candidatura ven de lanzar o Partido Popular: todos somos iguais e temos as mesmas oportunidades.

Marisol Díaz, candidata do PP en Ourense ás eleccións do 25S
Marisol Díaz, candidata do PP en Ourense ás eleccións do 25S | Fonte: osil.com

E non hai máis en disposición de encabezar máis listas?
Por suposto que as haberá. Se algo aprendín deste partido e que tanto homes como mulleres parten coas mesmas posibilidades para encabezar unha lista. Só temos que mirar atrás e ver as candidaturas presentadas en toda Galicia noutras eleccións. Pero insisto en que non debemos caer na fixación con este tema. As listas están formadas por persoas de valía e iso é o importante.

Dígoo, porque estás ti e logo tres homes. Non se cumpre iso da paridade no PPdeG?
Nós cumprimos coa representación establecida, pero non renunciamos a buscar aos mellores. Non se trata de facer unha lista só pensando en respectar as normas é non a igualdade. Se alguén non ve igualdade no PP, e non falo de números, é que ten un problema. No PP pensamos máis en persoas que traballen por un proxecto, que aporten como equipo. Iso non quere dicir que só teñamos que axeitarnos á lei. A responsabilidade dos partidos políticos é traballar por unha igualdade real.

Como estás levando a campaña?
Mellor do que se podería pensar. Son moitos días e van pesando, con horarios moi longos, moita estrada e cun sacrificio persoal e famliar enorme. Pero hai que asumilo porque tamén así o aceptaches, ao igual que o asume a familia e os amigos porque saben que teño un forte sentido da responsabilidade. Este é o prezo, pero como contrapartida teño a oportunidade de facer o que me gusta, estar coa xente, escoitala, falar con eles. A cercanía é a miña máxima e seguirá sendo na política.

E quen fai máis mítines, ti ou José Manuel Baltar?
Algún arriba, algún abaixo, prácticamente fixemos e faremos os mesmos. Inflúe moito a axenda da candidatura, pois ademais dos mítines temos numerosas visitas, encontros e citas cos medios de comunicación, ás veces incompatibles coa asistencia a algún mitin. E se eu non podo acudir, temos banquiño suficiente e moi bo, por iso Manuel Baltar sempre fala de equipo.

Marisol Díaz con José Manuel Baltar
Marisol Díaz con José Manuel Baltar | Fonte: ppourense.com

Cal está sendo o teu papel na campaña?
Como calquera outro candidato, falar do noso proxecto, explicarlles aos ourensáns as propostas do noso candidato á Xunta, Alberto Núñez Feijóo, os proxectos que ten para Ourense e, por suposto tamén, poñer por diante a xestión feita nestes oito anos de goberno popular na Xunta. Non só imos pola provincia falando de propostas, senón tamén de xestión, porque no noso caso o programa electoral é un complemento de moitas iniciativas xa en marcha.

En Ourense acaba de estar Rajoy e xa foi Feijóo varias veces. É tan importante esta provincia para os resultados do 25S?
Se algo caracteriza ao Partido Popular de Ourense é o seu dinamismo. Somos un partido activo e potente aínda fora de calquera proceso electoral, non só en campaña, o que non pode dicir ningunha outra forza política con representación na provincia. Gobernamos en preto de setenta concellos e na Deputación e nas últimas eleccións fomos a segunda formación en toda España en apoio ao PP. Pois sí, Ourense ten o seu peso, sen dúbida, pero o resto das provincias tamén son importantes. Só con Ourense non faríamos nada.

As sondaxes apuntan que podedes perder un escano?
Enquisas e sondaxes son tendencias, opinións dos electores nun momento determinado da campaña. Tamén din que podemos alcanzar a maioría absoluta. O traballo das empresas demoscópicas, absolutamente respectable, serve para que vexamos que pensa a opinión pública, como ve a campaña, se estamos a transmitir  adecuadamente a nosa mensaxe. A enquisa definitiva será o 25 de setembro e, ata entón, non imos caer na autocomplacencia, pensando que se as sondaxes son positivas xa está todo feito. Sería un grave error.

E cal son as principais propostas do teu partido para esta provincia?
Temos moitas iniciativas, pero destacaría continuar coa mellora das infraestruturas e a mobilidade dos ourensáns; a conexión do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, a maior área industrial de Ourense, coa A-52; o impulso da circunvalación este de Ourense; a implantación do Plan de Transporte Metropolitano; ou a construción da Estación Intermodal de Ourense. Tamén temos previsto afondar na rehabilitación de edificacións nos barrios, a posta en marcha da nova EDAR de Ourense; ou a aposta polo termalismo impulsando un hotel balneario na cidade; e o Campus da Auga e o gra de Enxeñería Aeroespacial. E non quero esquecerme do novo hospital de Ourense, con máis proxectos de mellora das instalacións xa existentes. Déixome moitas cousas que se poden ver no programa electoral, pero é que tamén quero salientar que os ourensáns beneficiaranse, como non podía ser doutro xeito, de todas as medidas incluídas no programa popular.

Que agardas destes comicios?
A confianza maioritaria dos galegos para un goberno estable, unido, sen populismos nin experimentos. O apoio a un candidato que en tempos de crise administrou ben o pouco diñeiro que había, que nos colocou no camiño da recuperación e que agora quere completar un proxecto de país, de futuro e de oportunidades, para devolverlle aos galegos o sacrificio que fixeron. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

9 Gose Manuel

E o lugar de honra, a última entrevista, para....o Partido Popular. Para que logo digan que publicar entrevistas a Baltar sen posibilidade de facer comentarios non ten os seus aspectos positivos. Aínda que claro, vendo os siderais follóns que se traen nacionalistas, socialistas, upegallos e podemitas, talvez sexa a solución máis diplomática e menos conflitiva.

8 Soneu

Hoxe quedades expulsdos dos meus favoritos. Mágoa de tempo perdido. Bye.

7 Failde

Me gusta Galicia Comenencial. Por certo, a única entrevista non asinada é a de Ana Pontón, o tono daquela tamén é diferente (non vou poñer o calificativo), cun arranque digno de estudiarse nas aulas de comunicación... E non, non son da axencia de colocación da UPG, nin voto ao BNG, pero hai tufos de xornalistos que me dan alerxia. Agora xa poden censurar o comentario, xa estou acostumado á sensibilidade (sen calificar) deste medio.

6 Falsarios

Marisol, cantos deses poucos cartos foron parar á familia Feijoo? Ola Micaela! Ola Eulen! Ola igrexa católicos!

5 Gustavo

Gracias, Galicia Confidencial, por dar voz e titulares no último día de campaña aos "sen voz" (porque "a voz" de Galicia está como ausente da campaña). Vivan los medios libres y plurales! Viva a equidistanza e algunha publicidade na panza!

1 moncho

Cousas veredes amigo Sancho.............................