Arqueólogos buscan as orixes altomedievais de Allariz no Castelo de Mouresiños

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo inicia as escavacións neste enclave para pór luz a un dos momentos menos coñecidos da historia de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Allariz | 19/09/2016 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

Cada ano, membros do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo escavan no Concello de Allariz co obxectivo de coñecer e valorizar o seu patrimonio histórico. Primeiro foi nas estruturas de Monte Señoriño e nos últimos tres anos, no Castro de Armea. Desde este luns, a estes enclaves únese o xacemento coñecido como Castelo de Mouresiños. Nel, os arqueólogos buscarán afondar nas orixes altomedievais da vila ourensá e pór luz a un dos momentos menos coñecidos da historia de Galicia.

Arqueólogos do GEAAT realizan unha intervención no xacemento do Castelo de Mouresiños
Arqueólogos do GEAAT realizan unha intervención no xacemento do Castelo de Mouresiños | Fonte: DUVI.

O proxecto 'Sancti Salvatoris. Investigación e posta en valor do xacemento do Castelo de Mouresiños' está financiado pola convocatoria INOU-16 do campus de Ourense. O equipo técnico que o leva a cabo está encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández e formado por Patricia Valle, Fermín Pérez e Susana Reboreda. Despois de elaborar un estudo documental do xacemento e unha vez realizada a primeira limpeza do espazo, os arqueólogos comezaron este luns a intervir na zona. “O proxecto que propoñemos é totalmente novo, abordando un estudo arqueo-histórico dun xacemento altomedieval da provincia de Ourense, un período pouco coñecido, e de índole laica, xa que se trataría dun castelo e a necrópole asociada”, comenta o director da intervención en declaracións recollidas por Rosa Tedín no DUVI.

O período altomedieval, comenta Fernández, é na actualidade “un dos momentos menos coñecidos da historia galega”. A falta de textos da época e de proxectos arqueolóxicos que aborden este tema, engade, “fai que sexa moito menos coñecido que os períodos prerromano (castrexo), romano ou mesmo o pleno medieval”. En contraste con esta situación, o arqueólogo salienta que a provincia de Ourense destaca en de Galicia como “un dos territorios que conserva o meirande número de monumentos adscritos a Alta Idade Media, sendo na súa inmensa maioría edificios de culto cristián”. 

O CASTELO DE MOURESIÑOS

Segundo explican os responsables do proxecto, o Castelo de Mouresiños localízase na parroquia de San Salvador dos Penedos, a algo máis de dous quilómetros da vila de Allariz por un camiño de alto valor paisaxístico e patrimonial catalogado como Camiño de Santiago-Vía da Prata. “Parece ser un posible castelo altomedieval que estaría ocupado entre os séculos IX ao XI dC, aínda que non o sabemos polo momento, abandonándose no século XII, cando se funda a actual aldea de San Salvador dos Penedos coa súa igrexa románica”, explica Adolfo Fernández.

O Castelo de Mouresiños localí­zase na parroquia de San Salvador dos Penedos, en Allariz, preto da Vía da Prata
O Castelo de Mouresiños localí­zase na parroquia de San Salvador dos Penedos, en Allariz, preto da Vía da Prata | Fonte: DUVI.

O xacemento divídese en dúas zonas ou sectores. A primeira é unha zona elevada de difícil acceso onde se atopa o lugar habitacional, que podería corresponderse cunha zona habitacional tipo “castellum” e un posible lugar de control de paso dun camiño que comunicaba a Limia co val do Arnoia. De confirmarse esta hipótese, comenta o responsable da inciativa, estariamos perante un xacemento “único” na provincia de Ourense. O outro sector atópase nunha plataforma máis baixa, onde se localiza unha zona de cemiterio con varias tumbas antropomorfas escavadas na rocha. 

A pesar de contar coa preceptiva ficha técnica do catálogo do PXOM, o xacemento, indican os responsables do proxecto, “non se atopa correctamente descrito ao consideralo un castro con ocupación romana e logo designalo como xacemento funerario de época medieval”. Esta segunda adscrición, altomedieval, indican, “parece a máis correcta á vista dos escasos datos cos que contamos: rebaixes e escaleiras labradas na rocha e outras estruturas en negativo na zona elevada e dúas sepulturas antropomorfas na plataforma inferior”. Con este proxecto desde o GEAAT pretende estudar en profundidade e mediante métodos non intrusivos o xacemento do Castelo de Mouresiños para chegar a coñecer a súa funcionalidade e o seu espectro temporal.

ACTUACIÓNS

Esta semana procederase a unha actuación de limpeza e retirada de capa vexetal con metodoloxía arqueolóxica nas plataformas inferior e superior do xacemento. Esta tarefa será levada a cabo polo equipo científico do proxecto cos medio materiais do GEAAT. “O obxectivo desta actuación é o de liberar as estruturas visibles de vexetación e terra vexetal para efectuar o minucioso rexistro dixital do xacemento. Procuraremos que quede á vista boa parte das estruturas do castelo e varias das sepulturas antropomorfas”, comenta Fernández. Posteriormente realizarase o levantamento do xacemento e o rexistro pormenorizado das plataformas superior e inferior. O rexistro consistirá en levantamento 3D e fotogrametría xeoreferenciada mediante o uso dun dron. 

Este exhaustivo rexistro do xacemento, indican os investigadores, “permitiranos abordar o estudo do Castelo de Mouresiños co obxectivo de interpretar a súas estruturas, funcionalidade e cronoloxía de uso”. Este estudo non só se cinguirá ao xacemento, senón tamén a toda á súa contorna inmediata onde se espallan restos arqueolóxicos de diferentes períodos coa finalidade de comprender o territorio onde se atopa o castelo. “Resulta de grande importancia científica comprobar a relación do castelo coa aldea de San Salvador e especialmente coa vila de Allariz”, comenta Adolfo Fernández. Froito desta investigación, adianta, realizarase unha publicación científica, ademais do preceptivo informe e memoria final que debe ser depositada no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.

Por último, ao finalizar o proxecto, existirá un camiño/sendeiro desde o Camiño de Santiago, ao seu paso pola aldea de San Salvador, que permitirá o acceso e a visita ao xacemento do Castelo de Mouresiños. Para que o lugar sexa comprensible ao visitante, a iniciativa inclúe o deseño e colocación dun panel informativo sobre o xacemento. “O proxecto tamén pretende xerar un novo valor patrimonial visitable na provincia de Ourense nunha contorna de alto valor paisaxístico e patrimonial. Non en van, atópase en plena Vía da Prata”, indica por último Adolfo Fernández.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta