Iván Puentes e Paulo Carlos López presentan "as estratexias de comunicación do futuro goberno de coalición en Galicia"

O ex-alcalde de Fene polo PSdeG e o que fora cabeza de cartel de Compromiso por Galicia nas europeas lanzan unha "modesta achega dende a academia para un máis que posible goberno alternativo a Alberto Núñez Feijóo".

Por Galicia Confidencial | Quito | 20/09/2016 | Actualizada ás 11:02

Comparte esta noticia

Os investigadores galegos Iván Puentes e Paulo Carlos López, veñen de presentar o pasado fin de semana no II Congreso Internacional sobre xestión de comunicación, que se celebrou en Quito (Ecuador), unha comunicación titulada Estratexias de comunicación para un goberno de coalición en Galicia: da lexislatura 2005-2009 ao posible cambio político 2016-2020.

Iván Puentes e Paulo Carlos López en Quito
Iván Puentes e Paulo Carlos López en Quito

En palabras de López, “pretende ser unha modesta achega dende a academia para un máis que posible goberno alternativo a Alberto Núñez Feijóo construído dende o recoñecemento das partes que o integrarán”. Neste sentido, “este traballo cobra máis importancia, se cabe, polo feito de facelo dende espazos políticos diferentes, pero cunha clara vocación de entendemento e aprendendo dos erros pasados”.

Para Iván Puentes, “a reconfiguración das estruturas partidarias no Estado español e do propio sistema político galego logo do estoupido da crise económica, está a provocar non só modificacións a nivel da arquitectura institucional, tamén nas políticas de comunicación derivadas da configuración de gobernos de carácter coalicional, de aí a importancia deste estudo” .

Segundo resumen os seus propios investigadores, a investigación recolle que "para emitir unha comunicación coherente, crible e unívoca, cómpre unha descompartimentación na propia información, na elaboración da mensaxe estratéxica un mando único no ámbito político, reservando unha porcentaxe dos postos de responsabilidade para cargos escollidos por consenso das forzas integrantes da coalición, cun perfil independente e cun rol transversal dentro do Goberno, actuando ás veces de voceiros e sendo os encargados de desenvolver unha estratexia acordada previamente no ámbito da comunicación política".

O traballo utilizada o método indutivo mediante o estudio de caso -para empregar en perspectiva comparada-, analizando o goberno de coalición de PSdeG-PSOE e BNG (2005-2009) dende un punto de vista fenomenolóxico, político, administrativo e comunicativo e coa pretensión de establecer recomendacións xerais para a Xunta de Galicia.

Paulo Carlos López López é doutor en Comunicación e Industrias Creativas (PhD). Actualmente é profesor na Pontificia Universidade Católica do Ecuador Sé Ibarra en Ecuador. Foi o encargado de comunicación do partido galeguista Compromiso por Galicia e o seu cabeza de cartel nas pasadas eleccións europeas. 

Iván Puentes-Rivera é traballou durante algo máis de tres anos como redactor das canles internacionais da Televisión de Galicia. Desde marzo de 2012, tras desempeñar labores de asesoramento na Deputación Provincial da Coruña e de ser Alcalde de Fene (A Coruña) traballa como investigador e profesor na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo (Campus de Pontevedra) adscrito ao grupo de investigación "NECOM: Neurocomunicación, Publicidade e Política".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Consello

O máis importante de futuros gobernos de coalición no que estean os partidos destes dous é mantelos a eles ben afastados da comunicación e das asembleas e de todo. Que sigan pontificando na Pontificia.

1 Serio

"DESDE a academia" quererá dicir. Se a estratexia de comunicación (retranca a ferro, ein?) vai insistir no uso dun galego precario mal comezamos. O desleixo cara a lingua que teñen os representantes públicos será unha imaxe do desleixo dos seus votantes? Para unha cousa na que podía dar exemplo...