OPINIÓN.- Xosé Ramón Barreiro: prudencia, dignidade e rebeldía

 Por Francisco Rodríguez. Sempre lamentei que institucións como a Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega non tivesen unha actitude máis combativa e comprometida na defensa da lingua e da cultura de Galiza. Nunha palabra, que non estivesen máis impregnadas de dinamismo social e máis preocupadas por impulsar a normalización dunha lingua e dunha cultura marxinadas e agochadas para nós mesmos. Nunca fun dos que desprecei o valioso papel que podían desempeñar neste terreo. Non me foi, nen é, indiferente, a súa atitude perante os atrancos que poidamos padecer para restaurar usos do noso idioma, para establecer dereitos para os seus falantes...

Por Galicia Confidencial | Galicia | 09/09/2009 | Actualizada ás 11:47

Comparte esta noticia

None

O cambio de actitude da RAG, expresado a través da intervención do seu Presidente, Xosé Ramón Barreiro, no acto en que lle foi entregado á Institución o premio Celanova, Casa dos Poetas, o día 6 deste mes, coa presenza do Presidente da Xunta, significa a recuperación da dignidade da Institución, a defensa da súa razón de ser legal e, moito máis importante, social. Este xesto pona en sintonía con amplos sectores da sociedade galega que acreditan en que os ataques ao noso idioma, a redución dos nosos dereitos lingüísticos, a destrución dos cativos pasos dados en sectores como o ensino perseguen que non teñamos conciencia como pobo diferente, que aceitemos un status de españolidade servil, que non nos recoñezamos nunca como galegos e galegas con dereitos plenos. Un ataque político en toda regra. Inocular máis desprezo contra a nosa lingua e a nosa cultura, secundarizala e minusvalorala aínda máis, dificultar a súa transmisión conducen ao seu exterminio e, con el, ao da consciencia de que somos pobo diferente.

Estiveron actuantes nas palabras do nada imprudente Xosé Ramón Barreiro, primeiro a legalidade: "Sr. Presidente, non podo desaproveitar a oportunidade; a Real Academia non pode ficar en silencio nin ollar cara outra parte cando se toman decisións e asinan decretos que atinxen á lingua ás súas costas". Quen debe opinar, segundo normativa legal, sobre o futuro decreto do ensino nen sequera foi consultado. Unha mínima dignidade esixía non calar e denunciar publicamente a falta de información, como así fixo Barreiro. En segundo lugar, estivo a rebeldía fronte á política aniquiladora do PP, a instancia á acción e ao compromiso, á loita, de "todos: políticos, intelectuais e pobo" para cumprir coa obriga de transmitirmos unha cultura, sen rebaixala, a cultura galega que, sen a lingua, non é nada, como se encargou de subliñar. Por suposto, foi tamén un convite á rectificación da política gobernativa en materia lingüística. Núñez Feijoo aparentou non inmutarse, limitándose a ler un discurso que levaba escrito, pero notábase cabreado, segundo recoñece, por exemplo, La Voz de Galicia, sen dúbida tamén cabreada cando cualifica a Barreiro de "provocador". Malia o Presidente da Xunta querer acoutar a RAG no mundo do pasado, nun residual enxebrismo soñador, tal e como se desprende sintomaticamente dos tópicos eloxios que lle dedicou, no seu discurso prefabricado, de certo que acusou como novidade inesperada a dignidade, a rebeldía e a censura pública do Presidente Barreiro. Probabelmente, o sr. Feijoo, con a súa hierática e espiritual expresión inquisitorial, cavilou en como facerllas pagar. Moitos galegos e galegas recibímolas con agradecemento e cavilamos en que a potencialidade do pobo galego, expresada na defensa e no uso da súa lingua, non vai ser destruída se todos os que, dalgunha forma, acreditamos nela, rexeitamos a política, fundamentada na mentira e na inversión da realidade, que o PP quer impor, para inxectármonos máis auto-desprezo e ignorancia…

Francisco Rodríguez é membro da Executiva do BNG e secretario xeral da UPG. O seu blog aqui.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

2 Antón Xil

Moi digno Barreiro,fixo ben en falar.

De todos os xeitos,a Academia non poderá suplir a gran falta de políticos intelixentes que ten o noso país.

E o coronel Rodríguez patético coma sempre.El coma sempre non é responsable de nada.E pensa que pode xulgar o que fan os académicos.Que funde outra secta xa!

1 Pardo de Cela

Todos somos Xosé Ramón Barreiro!. A ver si nos fai esquecer a etapa "negra" do gran escribidor García-Sabell (ex presidente da RAG e delegado do Goberno Central en Galicia).