Un derbi polas nubes

O Celta pon á venda as entradas para o primeiro clásico do fútbol galego contra o Dépor, o vindeiro 23 de outubro. A entrada máis barata custará 70 euros e ata 110 as máis caras de Tribuna, 20 máis que a tempada pasada.

Por gcdeportes | Vigo | 24/09/2016 | Actualizada ás 09:22

Comparte esta noticia

A máis barata, 70 euros; e a máis cara, ata 110€. O Celta puxo á venda as entradas para o vindeiro derbi co Deportivo, fixado pola Liga para o domingo 23 de outubro ás 12.00 horas, e como no caso dos abonos, cun espectacular aumento dos prezos con respecto á tempada pasada: 20 euros máis por Tribuna e 10 euros máis para as máis accesíbeis.

Hugo Mallo e Bruno Gama, no derbi disputado en Montevideo.
Hugo Mallo e Bruno Gama, no derbi disputado en Montevideo. | Fonte: lfp.es

Os prezos para os seareiros serán de 70 euros para Gol e Marcador, 90€ para Río Alto e Río Baixo, 100€ para Tribuna Baixa e 110€ para Tribuna Alta. Para os sub-25, 50€ en Gol e Marcador e 70€ en Río Alto e Río Baixo.

Ademáis, o encontro de máxima rivalidade entre os dous equipos galegos foi declarado pola directiva viguesa como ‘Día do club’, polo que os socios que se abonaron despois do 8 de xullo terán que pagar un suplemento de 20 euros (15€ para os menores de 25 e maiores de 65). Deste xeito, será o segundo ‘Día do club’ consecutivo, xa que a anterior xornada do Celta na casa, contra o Barcelona, tamén foi designado como especial e conta con eses mesmos prezos.

Tralo derbi xogado en pretempada en Montevideo (2-0 para os celestes), o primeiro Celta-Dépor oficial desta campaña disputarase en Balaídos na 9ª xornada de Liga. O Celta xogará antes contra Espanyol (este domingo), Barcelona (domingo 2) e Vilarreal (domingo 16), mentres que o Dépor enfrontarase a Atleti de Madrid (este domingo), Sporting de Xixón (sábado 1) e Barcelona (sábado 15). A fin de semana do 8 e 9 de outubro non hai Liga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta