25S, as eleccións que poden cambiar un Estado

Rajoy e Sánchez pasaron practicamente toda a campaña en Galicia. Dos resultados que haxa este domingo dependerá, en parte, o futuro da política española. Todos os grandes medios españois realizarán coberturas especiais.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 25/09/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Galicia celebra este 25 de setembro eleccións. Unhas eleccións que poden marcar un antes un despois na política galega pero, tamén, na política española. Nas últimas dúas semanas, este país converteuse no centro das estratexias electorais dos grandes partidos que desprazaron aquí a todos os seus pesos pesados.

Rajoy e Pedro Sánchez nun encontro na Moncloa
Rajoy e Pedro Sánchez nun encontro na Moncloa | Fonte: elconfidencial.com

Mariano Rajoy e Pedro Sánchez estiveron practicamente toda a campaña en Galicia. Os dous participaron nos actos políticos de peche electoral. O primeiro en Vigo e o segundo en Santiago. Tamén estivo varias veces en territorio galego o líder de Ciudadanos, Albert Rivera, que tamén tomou parte no peche de campaña na Coruña. E, tampouco foi alleo á campaña Pablo Iglesias, o dirixente de Podemos, aínda que a súa presenza foi menor e limitouse a dous actos.

A visita dos principais líderes españois a Galicia nesta campaña demostra a importancia que terán estes comicios na conformación do futuro goberno do Estado. O futuro de Rajoy e de Sánchez dependerá, en parte, do que pase este domingo no país galego.

O futuro de Rajoy e de Sánchez

Unha vitoria por maioría absoluta de Feijóo fortalecerá, aínda máis, a Rajoy en Madrid e a suas pretensións de ser, novamente, presidente do Goberno español ante unhas hipotéticas novas eleccións. Unha derrota do líder do PP galego suporía un revés importante e consolidaría a posibilidade dunha alternativa en Galicia e en Madrid con actores que, ata o de agora, se miran de reollo.

Pedro Sánchez tamén pode saír moi tocado se Feijóo gaña --ou non gaña--, pero o PSdeG queda por detrás de En Marea. Neste caso, o tan temido "sorpaso" pesaría á hora de conformar unha alternativa en Galicia e tería un efecto rebote en Madrid.

Tal é a importancia dos comicios galegos que todas as grandes televisións, radios e xornais españois ofrecerán coberturas especiais.

Maquinaria electoral

A estas eleccións están chamados a votar 2.255.579 galegos nas 3.977 mesas distribuídas polos 2.463 colexios electorais. Para a recollida da información se habilitou un dispositivo do que forman parte 2.716 representantes da administración, que, por primeira vez nas eleccións galegas, contarán cun comprimido para a transmisión de datos da votación dende os colexios electorais ata o centro de procesamento da información.

Está previsto que ao longo deste domingo se produzan, polo menos, catro comparecencias dos responsables da Xunta. A primeira ás 10,15 horas para dar conta da apertura de mesas e posibles incidencias; outras dúas para trasladar os avances de participación -- ás 12,30 e ás 17,30 horas -- ; e outra máis unha vez o reconto estea avanzado para informar dos resultados do escrutinio.

Ademais, todos os cidadáns poderán ter acceso aos datos en tempo real na páxina web http://resultados2016.xunta.gal, onde se ofrecerán datos do escrutinio provisional a nivel autonómico, provincial, comarcal e por concellos e datos de participación segundo se vaian recibindo.

Por outra banda, e segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, participarán neste despregamento electoral un total de 6.197 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil, así como 813 integrantes das policías locais de toda Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

empezamos ben 7 mesas menos en Pontevedra? http://resultados2016.xunta.gal/11A...

1 Gamela

5 mesas en Vigo aínda non abriron? http://resultados2016.xunta.gal/11A...