O Lugo segue invicto

O equipo lucense empata 0-0 en Almería e segue sen perder tras sete xornadas de Liga, con 3 vitorias e 4 empates. Cuarto partido consecutivo dos de Luis César sen encaixar goles. A vindeira cita, co Mallorca no Anxo Carro.

Por gcdeportes | Lugo | 24/09/2016 | Actualizada ás 21:53

Comparte esta noticia

Ficha técnica
UD Almería 0:
Casto; Ximo Navarro, Trujillo, Jorge Morcillo, Nano; Diamanka (Jose Ángel, 76’), Azeez; Joaquín, Fidel, Antonio Puertas (Pozo, 66’) e Quique González (Iago Díaz, 88’).
CD Lugo 0: Xose Xoan; Jordi Calavera, Carlos Hernández, Ignasi Miquel, Manu; Fernando Seoane, Carlos Pita; Iriome, Campillo (Pablo Caballero, 86’), Pedraza (Brayan Perea, 78’) e Joselu (Igor Martínez, 87’).
Árbitro: Ais Reig (valenciano). Expulsou a Azeez no minuto 84 por dobre cartón. Amarelas a Seoane (minuto 51), Ignasi Miquel (70’), Brayan Pérez (82’) e Jordi Calavera (94’) no Lugo.
Incidencias: partido da 7ª xornada de Segunda División no estadio Xogos do Mediterráneo ante preto de 7.000 espectadores.

Carlos Hernández tenta frear o ataque rival na súa caída.
Carlos Hernández tenta frear o ataque rival na súa caída. | Fonte: lfp.es

Tras sete xornadas de Liga, o Lugo de Luis César segue sen coñecer a derrota. En Almería, os lucenses mantiveron a súa portaría a cero por cuarto encontro consecutivo e acadaron un novo punto, nun partido disputado pero sen apenas ocasións. De feito, por primeira vez no que vai de Liga, os lucenses non marcaron. Tras tres vitorias e catro empates, o Lugo suma xa 13 puntos.

Luis César repetiu once por terceira vez nesta semana. O balón foi para o Almería no arrinque, pero o seu xogo directo apenas creaba ocasións de gol, e o Lugo non tardou en igualar a posesión. As mellores opcións para os locais foron un remate de Fidel e outro dentro da área do nixeriano Azeez que saiu preto do pau esquerdo de Xose Xoan. Ao Lugo costáballe máis que en partidos anteriores chegar á área rival. A mellor dos lucenses chegou no minuto 40, nun remate coa testa de Ignasi Miquel nun córner que saiu rozando o traveseiro.

O Almería saiu máis decidido tralo descanso, pero faltábanlle ideas en campo contrario e os de Luis César apenas sufrían, e incluso semellaba máis preto o gol do Lugo nunha contra. A defensa andaluza evitou o tanto galego en remates de Campillo e Pedraza. O técnico local foi o primeiro en mover o banco, e Luis César, xa a quince do final, optou por Brayan Perea. O Almería quedou con dez no minuto 84 pola expulsión de Azeez, e o técnico arousano deu entrada a Pablo Caballero e Igor Martínez. Pero a mellor ocasión foi para os locais xa no tempo engadido, tras unha falta e o remate de Jose Ángel que se foi a córner tras petar nun defensor lucense. A vindeira semana, o Mallorca visita o Anxo Carro, co Lugo aínda invicto.

O Lugo acadou un empate na súa visita ao Almería.
O Lugo acadou un empate na súa visita ao Almería. | Fonte: lfp.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta