Leyma, final co Obra

O Básquet Coruña vence 70-61 ao COB na semifinal da Copa Galicia e clasíficase para a final deste domingo (19.30 horas) en Noia, que será unha repetición da do ano pasado. Diego Kapelan anotou sete triplas e Sergio Olmos, 18 puntos e 7 rebotes.

Por gcdeportes | Noia | 24/09/2016 | Actualizada ás 23:02

Comparte esta noticia

Ficha técnica
Básquet Coruña 70:
Monaghan (9), Ángel Hernández (7), Dago Peña (4), Javi Lucas (7), Sergio Olmos (18) –cinco inicial- Filip Djuran (1), Sabonis (5), Zyle (11), Mikulic (2), Joan Creus (6) e Pablo Ferreiro (0).
Ourense Provincia Termal 61: Cristian Díaz (2), Kapelan (26), Kyle Hittle (5), Tomás Fernández (4), Devin Wrigth (11) –cinco inicial- Fran Guerra (2), Mitrovic (6), Dmitry Flis (5), Martín Rodríguez (0), Bob Yannieck (0) e Luka Bulashvili (0).
Parciais: 15-14, 13-12 (28-26), 22-21 (50-47), 20-14 (70-61).
Incidencias: semifinal da XXXI edición da Copa Galicia no pavillón municipal Rosalía de Castro de Noia arbitrado por Dani Pazos e Cristian Martín.

Foto oficial do Básquet Coruña, que xogará a final da Copa Galicia co Obradoiro.
Foto oficial do Básquet Coruña, que xogará a final da Copa Galicia co Obradoiro. | Fonte: @basquetcoruña

O Básquet Coruña repetiu vitoria ante o COB na semifinal da Copa Galicia e estará este domingo na gran final en Noia (19.30 horas) contra o Obradoiro. Malia as sete triplas de Diego Kapelan, os de Tito Díaz déronlle a volta ao marcador nos últimos minutos do terceiro cuarto e no arrinque do último, no que pasaron dun 41-45 en contra a un 59-50 a favor. Sergio Olmos foi o mellor nos coruñeses, con 18 puntos e 7 rebotes, e Diego Kapelan, o MVP do partido con 26 puntos, con sete triplas e 5 tiros libres.

O primeiro cuarto foi igualado e con alternativas no marcador. Seis puntos para Olmos e outros seis para Devin Wright, e dúas triplas para os ourensáns de Kapelan e Kyle Hittle. Tras dez minutos de xogo, 15-14 para os coruñeses. O Leyma abriu un pequeno oco no arrinque do segundo cuarto (21-16), pero os puntos de Kapelan deron a volta ao marcador cun parcial de 0-10 para os ourensáns (21-26). Os de Tito Díaz reaccionaron e cun parcial de 7-0 fóronse ao descanso con 28-26, con 9 puntos de Sergio Olmos e 7 de Ángel Hernández. No COB, Kapelan sumaba xa 11 en vinte minutos.

Dmitry Flis anotou unha tripla e Diego Kapelan, catro case consecutivas dende 6,75. Tito Díaz tivo que parar o partido con 41-45. Pero de novo reaccionou o Leyma, que rematou o cuarto cun parcial de 7-0 para poñerse por diante 50-47. Outro parcial de 9-3 no arrinque do tramo decisivo, e Leyma acadou a máxima vantaxe: 59-50 a 6:15 do final. O COB seguiu loitando (62-57), pero os coruñeses acabaron impoñéndose 70-61, con mellores porcentaxes de tiro e dominando o rebote (34-30). Este domingo, a gran final co Obradoiro, repetición da do ano pasado en Ourense. O equipo compostelán buscará o sétimo título consecutivo, e os coruñeses repetir o triunfo de hai vinte anos (1996).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta