Identificado o corpo achado como o home desaparecido buscado no encoro do Eume

O corpo do home achado ao mediodía deste domingo foi identificado como o varón das Pontes (A Coruña) desaparecido dende a noite do sábado no encoro do Río Eume despois de que a barca a remos na que viaxaba se afundise.

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/09/2016 | Actualizada ás 16:19 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O corpo do home achado ao mediodía deste domingo foi identificado como o varón das Pontes (A Coruña) desaparecido dende a noite do sábado no encoro do Río Eume despois de que a barca a remos na que viaxaba se afundise.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes do Instituto Armado, ás 12,10 horas mergulladores da Benemérita (GEAS) atoparon o corpo dun varón no encoro, tras o que foi levado a terra, ata onde se desprazou unha comisión xudicial.

Tras recoñecer o cadáver un familiar do falecido e confirmar que se trataba do varón buscado, ordenouse o levantamento do corpo, segundo apuntaron as mesmas fontes.

Durante a mañá deste domingo participaron no operativo varios membros do Grupo Especial de Actividades Subacuáticas da Guardia Civil. Ademais, varios efectivos de Protección Civil das Pontes mobilizáronse por terra xunto coa Benemérita.

Segundo informou o 112 Galicia, o home desaparecido, de 31 anos e veciño das Pontes de García Rodríguez, viaxaba na embarcación con outras catro persoas, que puideron saír polos seus propios medios cando se empezou a afundir. Ningunha delas necesitou asistencia sanitaria e, segundo concretou, "todo apunta a que o varón desaparecido non sabía nadar".

Foi un particular o que sobre as 21,30 horas do sábado contactó co 112 Galicia para explicar o acontecido. No operativo despregado tras a alerta tamén participaron ata a madrugada os Bombeiros do Eume.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta