O Dépor só cede con dez

Fayçal Fajr deixa os deportivistas cun xogador menos na última xogada antes do descanso e o Atleti aproveita a superioridade para gañar cun gol de Griezmann. O Deportivo suma xa cinco xornadas sen gañar e tan só tres goles en seis xornadas. O sábado, o Sporting en Riazor.

Por gcdeportes | A Coruña | 25/09/2016 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

Ficha técnica:
Atlético de Madrid 1:
Oblak; Juanfran, Giménez (Lucas Hernández, 35'), Godín, Filipe Luis; Gaitán, Augusto (Gabi, 18'), Koke, Yannick Carrasco; Griezmann (Gameiro, 58') e Correa.
Deportivo 0: Poroto Lux; Laure, Raúl Albentosa, Arribas, Navarro (Ryan Babel, 73'); Guilherme (Pedro Mosquera, 67'), Celso Borges; Borja Valle, Emre Çolak, Fayçal Fajr e Florin Andone (Luisinho, 60').
Gol: 1-0: Griezmann (minuto 70).
Árbitro: Gil Manzano (estremeño). Expulsou a Fayçal Fajr no minuto 45+ por dobre cartón. Amarelas a Emre Çolak (56') e Ryan Babel (84') no Dépor e a Lucas Hernández (42') no Atleti.
Incidencias: partido da 6ª xornada de Primeira División no estadio Vicente Calderón ante 45.000 espectadores.  

Fayçal Fajr deixou o Dépor con dez no Calderón e facilitou a tarefa do Atleti. Os de Gaizka Garitano, intensos e concentrados, resistiron sen problemas os primeiros 45 minutos, pero nada puideron facer tralo descanso cun xogador menos. O Dépor cedeu ante a puxanza dos madrileños, que marcaron un único gol, Griezmann no minuto 70, pero puideron facer máis. Emre Çolak, o mellor dos deportivistas, tivo na recta final do encontro o empate, pero Godín despexou coa testa o seu remate. O Dépor suma xa cinco xornadas sen gañar e tan só 2 dos últimos 15 puntos. E tan só marcou 3 goles en seis xornadas, ningún fóra da casa

Emre Çolak, o mellor dos deportivistas coa pelota.
Emre Çolak, o mellor dos deportivistas coa pelota. | Fonte: lfp.es

No terceiro partido da semana, fixo trocos no once Gaizka Garitano. Entraron Laure e Navarro nos laterais, Guilherme no medio centro e Borja Valle por Marlos Moreno. O Dépor igualaba no arrinque a intensidade do rival, recorría as faltas para frear o ritmo do Atleti e non pasaba apuros en defensa. Ata o minuto 21, non crearon perigo os do Cholo Simeone, cun remate de Griezmann que saiu demasiado cruzado. Viñeron os únicos momentos nos que o Dépor sufriu no primeiro tempo. Gaitán rematou por riba de Lux pero despexou Fajr baixo paus e Lux despexou un centro con perigo.

Pero o Dépor recuperou o control, Emre Çolak manexaba a posesión para os deportivistas e Florin Andone loitaba contra todo o mundo en campo rival. O Atleti perdeu a Augusto e Giménez por lesións musculares, e Emre Çolak, no 26, fixo o primeiro disparo entre paus deportivista. Pero Fajar recibiu a primeira amarela no minuto 38, e na última xogada antes do lecer, a segunda, deixando o Dépor con dez con toda a segunda metade por diante.

Vinte e cinco minutos resistiu o Dépor cun home menos. O Atleti aproveitou a superioridade para meter aos galegos na súa área, e as ocasións sucedéronse sen remedio na portaría de Poroto Lux. Yannick Carrasco, desaparecido no primeiro tempo, disparou ao pau tras tocar a pelota Lux. E o meta deportivista evitou o gol no minuto 58 nun remate coa testa de Correa. Simeone esgotou os trocos coa entrada de Gameiro, e Garitano tentou frear o asedio metendo a Luisinho para xogar con tres centrais e defensa de cinco. O Dépor non renunciaba a atacar e levou perigo a meta de Oblak cun centro de Laure que rematou Celso Borges coa testa no segundo pau antes do despexe da defensa.

Entrou tamén Pedro Mosquera por Guilherme, pero o gol chegou no minuto 70, pola insistencia local, tras un centro atrás de Gameiro para o remate a pracer de Griezmann. O Atleti non foi quen de facer o segundo, Garitano apostou por Ryan Babel en ataque e o Dépor puido marcar na recta final cun remate de Emre Çolak na área que despexou Godín.

Celso Borges loita pola pelota co ex-deportivista Filipe Luis.
Celso Borges loita pola pelota co ex-deportivista Filipe Luis. | Fonte: lfp.es

Tralo partido, Gaizka Garitano dixo que lle gustaría ter visto o partido once contra once ata o final. O vindeiro sábado, os deportivistas estarán obrigados a gañar ao Sporting de Xixón para non caer en postos de descenso.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta