O fracaso de C’s confirma que os galegos non confían nas aventuras centralistas

Como lle sucedera á UPyD de Rosa Díez nos seus mellores tempos, Ciudadanos tampouco logra colarse no Parlamento de Galicia. Outra alternativa centralista de ámbito estatal que fracasa estrepitosamente en Galicia. É todo culpa da Lei Electoral ou tiña razón Fraga cando lle recomendaba a Rajoy que aprendese galego?

Por Manuel Vilas | A Coruña | 25/09/2016 | Actualizada ás 23:55

Comparte esta noticia

Os do partido laranxa apresuráronse a botarlle a culpa ás normas. Así, Crisitina Losada xa atacou a “obsoleta” Lei Electoral Galega  que fai que “case 50.000 galegos queden sen representación no Parlamento”.

Os candidatos de Ciudadanos comparecen na noite electoral
Os candidatos de Ciudadanos comparecen na noite electoral

O certo é que quedaron moi lonxe do límite mínimo do 5%. Na provincia con mellores resultados, Pontevedra, andiveron polo 3,8%.  En case todo o resto do Estado, o límite para entrar nun parlamento autonómico é do 3%.

Con todo, equivocaríanse os de Albert Rivera en botarlle a culpa só ao límite imposto na era Fraga. É evidente a case nula penetración dos españolistas lonxe das cidades. Nas provincias de Lugo e Ourense nin chegaron ao 3%. En Ourense mesmo foron superados por Democracia Ourensana, que co 4,1% quedouse a uns poucos miles de votos de entrar no Parlamento. 

A práctica totalidade dos votantes de centro e conservadores galegos confía masivamente no PPdeG. As evidentes redes clientelares que manteñen os conservadores non lle spreocupan. Á hora de votar, prefiren apostar por alguén coñecido  e da casa -aínda que non sexa de todo limpo- que por unha alternativa estatal que chega de fóra e saben vai ter difícil entrar no Parlamento. Ademais, que sentido tiña votar a Ciudadanos cando os seus propios candidatos proclamaban abertamente que apoiarían a investidura de Alberto Nuñez Feijóo?

A candidata Losada xa admitiu o “fracaso” da súa proposta. O seu discurso claramente crítico co PPdeG, o nacionalismo e a normalización non logrou convencer a un sector da poboación que unha e outra vez confía nun PP que dende a chegada de Fraga combina con éxito a súa política centralista cun discurso galeguista. 

Abonda ver o logotipo de Feijóo nesta campaña. Se cadra C’s debería aplicarse un dos consellos que Fraga lle deu a Rajoy se quería liderar ao PPdeG, aprender o idioma do país. Do contrario, ao igual que lle pasou a UPyD, o máis probábel é que Ciudadanos siga confinado a unha pequena parte do electorado máis de dereitas, máis urbano e castelánfalante. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ixtlan

Estívolle moi ben a Ciudadanos! Tanta oposición á identidade e lingua galega tivo o seu merecido premio: 0 (cero) deputados.